A Universidade da Coruña (UDC) e a empresa tecnolóxica Denodo veñen de crear a Cátedra Denodo–UDC de Enxeñaría de Datos, Intelixencia Artificial e Innovación Tecnolóxica, unha alianza estratéxica destinada a potenciar a formación, a investigación aplicada e a transferencia de coñecemento no ámbito tecnolóxico.
O acordo foi asinado polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e polo CEO de Denodo, Ángel Viña, e establece como obxectivos principais a mellora da excelencia formativa do estudantado de Enxeñaría Informática, o impulso da innovación e o fortalecemento das sinerxías entre universidade e empresa.
Segundo Ricardo Cao, esta colaboración representa “unha excelente oportunidade para avanzar en proxectos de transferencia en xestión de datos e IA”, destacando ademais a orixe de Denodo na propia UDC como exemplo do potencial da universidade pública para xerar talento e empresas globais.
Entre as iniciativas máis salientables, a Cátedra creará un premio especial en honra á profesora Paula Montoto Castelao, pioneira tecnolóxica, docente da UDC e figura clave en Denodo, falecida a comezos de 2025. O galardón ao Mellor TFG en Informática con Aplicacións Empresariais quere recoñecer o seu legado profesional e docente.
A Cátedra desenvolverá un amplo programa de actuacións nos ámbitos da formación, apoio á investigación, experiencia profesional e transferencia de coñecemento, incluíndo seminarios, bolsas, prácticas, publicacións e proxectos conxuntos a nivel galego, estatal e europeo.
Con unha duración inicial de catro anos, a iniciativa contará cunha dotación anual de 20.000 euros achegada por Denodo e estará dirixida por José Losada, profesor e investigador da Facultade de Informática da UDC.




Deja un comentario