A Real Academia Galega de Ciencias celebrou no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, o acto de apertura do seu curso, coa asistencia de representantes institucionais, académicos e científicos galegos. O presidente da RAGC, Juan Lema, destacou a ciencia como motor do progreso social, económico e cultural, e subliñou a importancia do traballo constante e rigoroso que sustenta os avances científicos. O acto incluíu unha lección maxistral do catedrático da USC Arturo López Quintela, quen abordou a relevancia da catálise e da nanotecnoloxía na química moderna.
Durante a sesión entregáronse os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC, dotados con 5.000 euros, que recoñeceron investigacións destacadas en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. En Ciencias Básicas foi premiado o equipo liderado por María Mayán (CINBIO-Universidade de Vigo), polo seu traballo na identificación dunha proteína con potencial terapéutico fronte a determinados cancros. En Ciencias Técnicas, o galardón recaeu no grupo de Cristina Gallego (CRETUS-USC), por unha proposta innovadora e sustentable para aproveitar a pel do peixe na obtención de xelatina de alta calidade. No ámbito das Ciencias Sociais, foi recoñecido o equipo liderado por Iria González (Universidade de Vigo), pola súa investigación sobre a xestión sostible da última milla no comercio electrónico.
Ademais, concedéronse varios accésits a traballos desenvolvidos en universidades galegas, que poñen de manifesto o alto nivel e a diversidade da investigación que se realiza en Galicia, así como a súa conexión cos retos científicos, tecnolóxicos e sociais actuais.




Deja un comentario