A Universidade da Coruña acolleu esta mañá a cerimonia de entrega dos Premios ÍCARO 2025, uns galardóns promovidos polo Grupo de Mecánica de Estruturas (GME) da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos que recoñecen a excelencia investigadora e o prestixio internacional no ámbito da enxeñaría civil e de estruturas.

Nesta edición, os premios recaeron no profesor Ole Sigmund, catedrático da Universidade Técnica de Dinamarca (DTU) e referente mundial no ámbito da optimización topolóxica de estruturas; e en K2 Ingeniería, empresa coruñesa especializada en enxeñaría de estruturas cunha longa traxectoria de colaboración co GME en actividades de transferencia tecnolóxica e deseño de pontes. Durante o desenvolvemento do acto, inaugurado polo vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas; o profesor Ole Sigmund impartiu a conferencia titulada “Topology optimization state of the art and remaining challenges”, na que abordou o estado actual e os principais retos pendentes da optimización topolóxica de estruturas, un campo no que é considerado un dos maiores expertos a nivel internacional.

Premios ÍCARO
Os Premios ÍCARO concédense de maneira ininterrompida desde o ano 2006 polo Grupo de Mecánica de Estruturas da UDC como unha actividade vencellada á súa intensa traxectoria académica internacional de docencia investigación e transferencia. Os galardóns consisten nun diploma acreditativo e nunha escultura da artista Pilar Pérez Subías.

Establécense dúas modalidades, unha primeira que premia a aquelas institucións ou entidades que teñan contribuído de forma eficaz e continuada ao desenvolvemento das actividades docentes, investigadoras e innovadoras do GME; e unha segunda que recoñece ao persoal investigador ou profesionais da enxeñaría recoñecidos internacionalmente pola súa excelencia e polas súas contribucións relevantes no ámbito da enxeñaría de estruturas.

Ole Sigmund

Un recoñecemento cunha ampla traxectoria
Ao longo das súas dúas décadas de historia, os Premios ÍCARO distinguiron a numerosas institucións, empresas, investigadores e proxectistas de referencia no ámbito da enxeñaría civil e de estruturas.

Na modalidade de institucións e empresas, foron recoñecidas entidades como a Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia, Acciona Infraestruturas, Ferrovial, SACYR Construción, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, AIRBUS ou ARRAY Technologies, así como profesionais e responsables institucionais como Ethel Vázquez Mourelle, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.

No ámbito dos investigadores e proxectistas, os Premios ÍCARO recaeron en figuras de prestixio mundial como José Roesset (Texas A&M University), Michel Virlogeux, Javier Manterola, Mike Schlaich, Allan Larsen (COWI), Naeem Hussain (ARUP), Eugenio Oñate (Universidade Politécnica de Cataluña) ou Eduardo Fernández de la Pradilla (COWI), entre outros.

Este percorrido consolida estes galardóns como un referente no recoñecemento da excelencia académica, profesional e institucional no ámbito da enxeñaría de estruturas a nivel nacional e internacional.

Deja un comentario

Más noticias….