A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) iniciou neste mes de xaneiro unha campaña educativa sobre a doazón de medula ósea en centros de ensino de toda Galicia, coa finalidade de achegar este tipo de doazón á poboación máis nova e promover a súa participación solidaria.
A iniciativa inclúe a instalación de mesas informativas e a realización de charlas divulgativas impartidas por profesionais especializados, que explican ao alumnado en que consiste a doazón de medula ósea, cales son os requisitos para facerse doante e a importancia deste xesto para o tratamento de enfermidades graves do sangue. O obxectivo principal é incrementar o número de persoas inscritas no Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea (REDMO).
Nesta segunda fase da campaña de doazón, o programa chegará a un total de oito centros educativos. Este xoves, 29 de xaneiro, ADOS instalou unha mesa informativa no CIFP Manuel Antonio de Vigo, onde o persoal da Axencia informou ao alumnado e ao profesorado sobre este tipo de doazón e animou á súa participación activa.
Ademais, ADOS retoma dentro deste programa formativo as visitas didácticas ás súas instalacións, permitindo que estudantes galegos coñezan de primeira man o traballo diario que realiza a Axencia no ámbito da doazón de órganos, sangue e medula ósea.
Requisitos e importancia da doazón
Para ser doante de medula ósea é necesario ter entre 18 e 40 anos, non padecer enfermidades graves ou transmisibles e estar inscrito no REDMO. ADOS é o centro de referencia para a tipaxe de doantes en Galicia e, na actualidade, arredor de 16.000 galegos e galegas forman parte deste rexistro.
O transplante de medula ósea, coñecido tecnicamente como transplante de proxenitores hematopoéticos, é en moitos casos o único tratamento posible para curar enfermidades como a leucemia. Calcúlase que o 70 % das persoas que precisan un transplante non contan cun doante familiar compatible, polo que dependen da solidariedade de doantes voluntarios non emparentados, coordinados a través do REDMO.
Concurso universitario de curtametraxes
Entre as accións de sensibilización que desenvolve ADOS destaca tamén a XI edición do Concurso Universitario de Curtametraxes sobre o transplante de medula ósea, dirixido a estudantes de calquera universidade galega. O certame busca concienciar á comunidade universitaria sobre a importancia da doazón como un acto voluntario, altruísta e fundamental para salvar vidas.
As persoas interesadas en obter máis información poden consultar a web ados.sergas.gal, as redes sociais da Axencia ou chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828, onde se resolven dúbidas relacionadas coa doazón de sangue e medula ósea.




Deja un comentario