Camiño Escena Norte abre o prazo de inscrición de espectáculos para xirar no Itinerario Constelacións da súa oitava edición, que se celebrará do 18 de setembro ao 29 de novembro en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, ampliando nun mes a duración habitual do programa.
As compañías de teatro, danza e artes do movemento, ilusionismo e novo circo interesadas en representar as súas pezas nas distintas comunidades que conforman o programa, como seren parte do Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, teñen de prazo do xoves 5 ao luns 16 de febreiro para presentar as súas candidaturas no espazo web www.escenanorte.com.

Desde o seu inicio, en 2019, Camiño Escena Norte (CEN) levou o teatro, a danza e artes do movemento, o ilusionismo e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais, ofrecendo a oportunidade de acceder a estes espectáculos a públicos de municipios e localidades sen acceso a programacións deste tipo. Tamén facilitou ás compañías seleccionadas en cada edición o acceso a novos espazos e escenarios nos que desenvolver a súa creatividade a través do chamado Itinerario Constelacións.
Tanto o Itinerario Constelacións como o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte utilizan un sistema de selección de pezas baseado en dúas comisións profesionais compostas por persoas expertas que decidirán sobre as propostas presentadas desde outras comunidades diferentes á súa propia. Nun proceso transparente e garantista, realizarase unha selección por parte de cada experta e, despois, unha clasificación en grupo da que sairán os 36 espectáculos que conformarán o catálogo. Deses 36 (6 por comunidade) sairán os 18 espectáculos (3 por comunidade) que xirarán co Itinerario Constelacións nun traballo de coprogramación entre a organización de Camiño Escena Norte e as distintas sedes que acollerán a actividade.
Desde a edición de 2023, o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte é unha ferramenta moi útil para os e as profesionais da programación das comunidades do proxecto e do resto do Estado. Esta marca de calidade serve de promoción e apoio á distribución dos mesmos fóra do ámbito do proxecto.




Deja un comentario