A Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) acollerá a partir de mañá venres, día 6 de febreiro, a BrinQo – Quantum Computing Game Jam 2026, un encontro interuniversitario organizado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) que combina divulgación científica, creatividade e desenvolvemento de videoxogos para achegar a computación e as tecnoloxías cuánticas á comunidade universitaria.
Esta iniciativa enmárcase no proxecto europeo QUORUM, unha alianza pioneira apoiada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), que ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas e reforzar o ecosistema europeo de innovación a través de aplicacións disruptivas e contidos formativos accesibles para distintos sectores.
O evento desenvolverase do 6 ao 13 de febreiro en formato semipresencial e de maneira simultánea nas tres universidades galegas, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. A xornada inaugural, prevista para o día 6, celebrarase de forma presencial a partir das 09:30 horas nas tres sedes e incluirá sesións introdutorias sobre computación cuántica e desenvolvemento de videoxogos.
Ao longo de oito días, as persoas participantes tanto individuais como en equipos de ata catro integrantes, deseñarán e desenvolverán un videoxogo inspirado en conceptos cuánticos, xa sexa a través da súa estética, das dinámicas de xogo ou do uso de computación ou emulación cuántica. As propostas serán avaliadas por un xurado especializado e publicaranse posteriormente na plataforma Itch.io.




Deja un comentario