A sexta edición do festival GALICIA DESIGN WEEK celebrarase na cidade herculina do 14 ao 23 de maio. O punto de encontrode referencia para o deseño galego volverá ás rúas e espazos singulares da Coruña para poñer en valor e achegar á cidadanía o papel dun sector profesional fundamental no ámbito cultural, social e empresarial. 

Obradoiros para profesionais, visitas de recoñecidas figuras e entidades de ámbito nacional e internacional, exposicións e parladoiros abertos ao público, presentacións en primicia de novos produtos, música e gastronomía formarán parte dunha programación que, neste 2026, porá o foco nas actividades profesionais, á fin de consolidar o seu papel referencial: GDW é, xunto coa Barcelona Design Week, o único festival da península que forma parte da organización internacional World Design Weeks.

Ao longo destes anos, GALICIA DESIGN WEEK ofreceu a posibilidade de coñecer, desde a proximidade, o traballo de profesionais renombradas de ámbitos como a arquitectura, audiovisual, dixital, editorial, fotografía, gráfica, ilustración, moda, packaging, son ou tipografía, entre outros. Polos seus talleres e charlas pasaron nomes como os tipógrafos Arillatype, o estudio de arquitectura Burr, a produtora audiovisual Canada, a ilustradora Coco Dávez, a axencia dixital Cuchillo, o estudio de deseño de produto CuldeSac, a axencia Folch, a tipógrafa Marta Cerdà, o director creativo Nacho Padilla ou a deseñadora portuguesa Silvia Matias; mais tamén creativas galegas referentes no seu sector,  como a ceramista Verónica Moar, a cesteira Idoia Cuesta, a directora de escena Marta Pazos, a cociñeira Lucía Freitas, a axencia editorial Desescribir, os deseñadores Cenlitros ou o estudio especialista en branding Costa. Neste 2026, a GDW volverá presentar na Coruña os traballos máis salientables do deseño de profesionais acreditadas, tamén das novas xeracións, á vez que impulsará o encontro entre a comunidade deseñadora e o público. 

O vento, protagonista da imaxe da GDW

O estudio de deseño Vagrant, con sede na Cidade Vella coruñesa, é o responsable, un ano mais, da imaxe do festival, que en cada edición evoluciona sempre tendo como punto de referencia Galicia. “Neste ano, o vento é o protagonista do noso sistema visual. Representado por A Coruña, a cidade do vento, e expandíndose por todas as provincias, axitando, desfacendo e difuminando cada zona pola que pasa a través de halos abstractos que nos permiten ser máis sutís e editoriais”, explican os directores creativos, Illán Vega e Jacobo Galán.

Deja un comentario

Más noticias….