A Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España (APTE) elaborou unha listaxe coas 100 mellores startups do ano 2025 localizadas en 43 dos seus parques científicos e tecnolóxicos, presentes en 15 comunidades autónomas españolas. Trátase de proxectos innovadores en ámbitos punteiros e entre elas hai dúas empresas galegas, situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-: Akunatura e Fentotek.

Fentotek: desenvolvemento de dispositivos electrónicos a medida
Fentotek foi creada en 2019. Está especializada no deseño de dispositivos electrónicos, especialmente de comunicacións, para sectores diversos, en particular para o industrial, aeroespacial e de defensa. Desenvolven unha plataforma de hardware e sobre ela as empresas poden crear as súas propias aplicacións, segundo as súas necesidades, ao tempo que lles ofrecen asesoramento en todo o proceso.

O director da firma, Rubén Otero, explica que traballan sempre con enlaces de datos. Así, para o sector industrial, crean radioenlaces de comunicación de banda ancha, que permiten transmitir datos entre puntos moi afastados. “Trátase de conexións inalámbricas de alta capacidade que transmiten grandes volumes de datos a unha velocidade moi elevada entre dous ou máis puntos usando ondas de radio, sen necesidade de cables” -sinala o responsable da empresa-.

En relación ao sector aeroespacial, os seus sistemas permiten mellorar a capacidade de comunicación entre unha estación base e unha aeronave, xa sexa ou non tripulada. E para o sector de defensa, os dispositivos desenvoltos pola compañía poden, entre outras posibilidades, eliminar interferencias que se sobrepoñen aos seus sinais, por exemplo unha interferencia terrestre que dificulta a chegada dun sinal de satélite.

Akunatura traballa para garantir a seguridade alimentaria, o control sanitario da auga e a saúde ambiental
O laboratorio Akunatura nace no ano 2007. Desde os seus máis de 350 m² de instalacións especializadas, presta servizo a empresas e institucións de toda España. Céntrase na realización de análises microbiolóxicas e físico-químicas. Ademais, ofrece asesoramento técnico para garantizar que alimentos, aguas, instalacións e produtos cumpran os requisitos legais e sanitarios vixentes.

O responsable da firma, David Cabanelas, explica que orientan a súa actividade a “proporcionar solucións técnicas baseadas en evidencia analítica e cumprimento normativo, contribuíndo á seguridade alimentaria, á protección da saúde pública e ao control ambiental”.

En relación coas augas, levan a cabo o control analítico de augas de consumo humano, envasadas, de piscinas, residuais e de vertidos. No campo da hixiene e a seguridade alimentaria, realizan ensaios microcrobiolóxicos en alimentos, superficies e ambientes. Tamén están especializados na prevención e control da lexionela, bacteria que vive no chan e na auga e produce afeccións respiratorias graves. Por outro lado, desenvolven ensaios microbiolóxicos en produtos cosméticos, ao tempo que traballan no control de ambientes industriais.

Deja un comentario

Más noticias….