A Unidade de Neurorrehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña vén de incorporar un sistema robotizado de rehabilitación en marcha. A este equipamento hai que engadir un equipo de adestramento terapéutico de membro inferior con control intelixente. O investimento da Xunta en todo este aparataxe sitúase ao redor dos 450.000 euros.

Este sistema recentemente adquirido, que xa leva dúas semanas funcionando, é un dispositivo especializado para adestrar a marcha e o equilibrio en pacientes con dificultades motoras. Utilízase na área de neurorrehabilitación para recuperar a función de camiñar de xeito seguro, progresivo e controlado.
O sistema supón un salto cualitativo na rehabilitación funcional, ao permitir unha terapia intensiva, personalizada e baseada na tecnoloxía de alta precisión que acelera a recuperación e mellora de xeito obxectivo a autonomía dos pacientes.


Beneficios para o paciente
Entre os beneficios que achega aos pacientes, o sistema robotizado permite adestrar patróns de paso repetitivos nunha contorna segura e controlada, o que favorece a reorganización neuromuscular. Así mesmo, supón a mellora do equilibrio e a estabilidade, xa que co soporte progresivo e axustes de desafío, o paciente adestra control postural dinámico.

Tamén permite o sistema o fortalecemento muscular, xa que o traballo repetido de marcha activa músculos de cadeira, xeonllo e nocello, mellorando forza e coordinación.
Engadido ao anterior, posibilítase un adestramento seguro, xa que o uso de arneses e barras reduce o risco de caídas e permite traballar a pacientes con moita debilidade ou medo a camiñar.
Ademais, os datos que xeran os sensores permiten medir progresos, axustar terapias e documentar resultados cuantitativos. Así mesmo, posibilita unha motivación terapéutica, xa que os resultados en tempo real e programas con retos motivan ao paciente, mellorando adherencia ao tratamento.

robot rehabilitacion hospital oza
O sistema robotizado supón un salto cualitativo na rehabilitación funcional, ao permitir unha terapia intensiva, personalizada e baseada na tecnoloxía de alta precisión


Adestramento terapéutico membro inferior
Respecto do equipo de adestramento terapéutico de membro inferior con control intelixente, que entrará en funcionamento a vindeira semana, está deseñado para mellorar a recuperación funcional da marcha permitindo un adestramento intensivo e controlado, axustando a resistencia segundo as necesidades do paciente e optimizando o proceso de recuperación da mobilidade.
Trátase dun sistema totalmente integrado que proporciona un método seguro e efectivo para axudar aos pacientes con trastornos neuromusculares, mellorando a condición cardiovascular. Está deseñado para adaptarse a diversas patoloxías.
Estes sistemas robotizados para os servizos de rehabilitación estanse a instalar nas sete áreas sanitarias galegas, cun investimento de 1,2 millóns de euros, aos que hai que engadir outros equipos de rehabilitación, ata un total de preto de 20, por importe global de 1,8 millóns de euros.

Deja un comentario

Más noticias….