O músico e investigador da tradición oral galega Xabier Díaz será o encargado de poñer banda sonora á noite na que se coñecerán as gañadoras e gañadores dos XXIV Premios Mestre Mateo. A música volverá ser un dos grandes ingredientes da gala, que reunirá o máis destacado do audiovisual galego. O evento estará presentado por Trisha Fernández e Federico Pérez baixo a dirección da Marta Arévalo e guion de Óscar Cruz.

Acompañado das Adufeiras, Xabier Díaz levará ao escenario unha proposta que revisita a tradición popular galega desde unha ollada contemporánea, coa pandeireta e o canto como eixos centrais dun espectáculo vibrante que conecta memoria e presente.

Con máis dunha década á fronte das Adufeiras de Salitre, Xabier Díaz consolidouse como unha das figuras clave da música de raíz galega. Formou parte de Berrogüetto e participou no proxecto aCadaCanto, desenvolvendo unha traxectoria recoñecida pola crítica e polo público dentro e fóra de Galicia.

A noite contará tamén coa participación especial de Mondra, unha das voces máis singulares da nova escena galega. Artista, cantareiro e bailador, acadou un amplo recoñecemento co seu debut ARDĒN (2023), consolidou a súa proposta con DE RONDA (2025), combinando tradición, electrónica e unha forte personalidade escénica e gañou o ano pasado un Premio Mestre Mateo a Mellor Videoclip por MARIMONDRA

Mondra



A combinación de Xabier Díaz e Mondra converterá a gala nun espazo de encontro entre xeracións e sensibilidades, entre raíz e vangarda, nunha proposta musical que promete sorprender e emocionar ao público asistente.

A gala dos XXIV Premios Mestre Mateo será, unha vez máis, unha homenaxe ao talento do audiovisual galego e unha celebración colectiva da nosa cultura, nunha noite na que a música terá un papel protagonista. A gala terá lugar o 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo. 

Deja un comentario

Más noticias….