A Fundación Eugenio Granell acollerá do 26 de febreiro ao 15 de marzo a exposición Despunte’26, unha mostra que reúne os proxectos finais do alumnado da EASD Mestre Mateo (Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo) de Santiago de Compostela. A mostra inaugurarase o vindeiro 26 de febreiro ás 18:00h e permanecerá aberta ao público de martes a venres en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados de 10:30 a 14:30 horas. A través de obras que dialogan entre tradición e contemporaneidade, a abórdanse cuestións como a identidade, a memoria, o territorio, a sostibilidade ou a innovación social.

Escultura en metal e mármore, xoiería conceptual, proxectos fotográficos de mirada crítica e propostas de deseño de produto centradas na persoa usuaria conforman un percorrido plural onde o proceso creativo, a investigación formal e o compromiso co presente son eixos fundamentais. “Esta exposición funciona como a antesala técnica e artística imprescindible para entender a dimensión do traballo realizado nas aulas”, explica Elisa González Penas, Vicedirectora da EASD Mestre Mateo, que agradece a colaboración da Fundación Granell.

Despunte’26 ofrece unha panorámica diversa da creación contemporánea galega emerxente. Segundo Araceli Díaz Cabanas, profesora de Deseño de Produto e coordinadora da exposición: “A organización da exposición Despunte supuxo un reto tan esixente como enriquecedor. O proxecto naceu hai dous anos coa vontade de dar visibilidade ao talento galego emerxente a través dunha coidada selección de propostas distribuídas en catro ámbitos creativos: o deseño de produto, as técnicas escultóricas, a xoiaría artística e a fotografía. Nesta edición a exposición acollerá un total de 20 proxectos das diferentes especialidades”.

A mostra pretende ir mais aló dunha recompilación dos mellores traballos do alumnado, tal e como explica Araceli Díaz Cabanas, “O proceso de comisariado implicou unha análise detallada das candidaturas recibidas, atendendo tanto á calidade técnica das obras como á súa capacidade para dialogar co espazo expositivo e entre si. Procurouse construír un relato plural que amosase a diversidade de linguaxes, materiais e enfoques presentes na creación contemporánea galega, poñendo en valor prácticas que se moven entre a tradición e a experimentación. Desde o punto de vista organizativo, a coordinación entre departamentos foi clave para o correcto desenvolvemento da mostra. Esta colaboración transversal non só facilitou a resolución de imprevistos, senón que tamén contribuíu a xerar un espazo de aprendizaxe compartida entre profesionais de distintos ámbitos.

A experiencia de organizar Despunte evidenciou a importancia de crear plataformas que acompañen e impulsen ás novas xeracións de creadoras e creadores. Máis alá da exhibición das obras, a exposición busca funcionar como un punto de encontro entre artistas, e deseñadores e deseñadoras, institucións e público, promovendo o recoñecemento e a proxección do deseño e da creación galega no contexto actual. En definitiva, Despunte constitúe unha aposta decidida pola visibilización do talento emerxente e pola construción de redes que favorezan o seu desenvolvemento profesional, reforzando o compromiso coa dinamización cultural desde o ámbito local cara a escenarios máis amplos”.

Pola súa banda, Elisa González Penas, Vicedirectora da EASD Mestre Mateo, destaca a evolución do evento artístico dende os seus inicios: «O proxecto Despunte naceu no ano 2009 coa firme vocación de compartir coa cidadanía a creatividade e a excelencia do noso centro. O que comezou como unha pasarela para o Grao en Deseño de Moda, que actualmente está moi consolidada, deu un paso decisivo hai dous anos coa creación da exposición Despunte: unha extensión necesaria para sacar á rúa o traballo daquelas especialidades que, pola súa linguaxe técnica e artística, precisaban dun formato expositivo propio. Hoxe, Despunte fúndese nunha experiencia única onde a exposición, o desfile e a gala se complementan e se retroalimentan. Esta simbiose permite proxectar o talento do alumnado do Grao en Deseño de Produto, así como dos Ciclos Formativos de Grao Superior en Técnicas Escultóricas, Xoiaría Artística e Fotografía, creando un diálogo directo coas propostas do Grao en Deseño de Moda que se verán na pasarela”.

Durante o acto de apertura, ademais de presentar os proxectos finais que concorren aos Premios Despunte, darase a coñecer o cartaz oficial desta edición da gala” anuncia Elisa González. Tal e como explica Elisa González Penas, Vicedirectora da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo “O cumio deste percorrido creativo terá lugar o 5 de marzo na Gala Despunte. Neste evento institucional, a forza visual da exposición culminará coa presentación das coleccións do alumnado de deseño de moda e a entrega de galardóns, unificando nun mesmo marco a diversidade e o alto nivel das ensinanzas artísticas superiores e profesionais da nosa comunidade educativa”.

Con Despunte’26, a EASD Mestre Mateo reafirma o seu compromiso coa proxección pública do traballo académico e coa creación de pontes entre o ámbito educativo, o tecido cultural e a sociedade, consolidando esta cita como un dos principais escaparates do novo talento creativo galego.

Deja un comentario

Más noticias….