Rebeliom do Inframundo publica o seu quinto álbum, Orgulho (Galunk Producións, 2026), unha obra que condensa máis dunha década de traballo, constancia e compromiso.
Tras os adiantos Sube, Balas ft. Kaze, Bate Fado e Nada, o grupo presenta un traballo que afonda na súa identidade sonora e discursiva, consolidando o seu lugar como unha das propostas máis firmes do rap feito en Galicia.
Orgulho (Galunk Producións, 2026), o novo disco de Rebeliom do Inframundo, está xa dispoñible en todas as plataformas dixitais: https://orcd.co/orgulhorebeliom
ORGULHO: UN MANIFESTO DE IDENTIDADE, CLASE E MEMORIA
Orgulho non é só un título: é unha declaración política e vital. “É un traballo consciente e autocrítico, un traballo persoal que segue tendo a nosa raíz, a nosa forza e a nosa potencia, pero tamén a madurez e a calma necesarias nestes tempos convulsos”, así o explica Nervo, membro da banda.

Para Rebeliom do Inframundo, foron moitos anos de esforzo, e ninguén lles puxo nada nas mans. Este é xa o quinto disco da banda, e ter chegado ata aquí é o resultado de algo moi sinxelo e moi difícil ao mesmo tempo: traballo, constancia e fidelidade ao que son. Non hai atallos. Só horas, compromiso e a convicción de seguir adiante. “E iso, claro, fainos sentir profundamente orgullosos. Orgullosos da nosa maneira de entender a vida, da xente que camiña ao noso lado, da contorna que nos formou. Orgullo colectivo, orgullo de clase, orgullo de país… e tamén un orgullo íntimo, persoal, de saber que non traizoamos as nosas raíces”.
Este disco non é só música: “Orgulho é un disco de raíz, cheo de rabia, paixón, tradición e respecto por un mesmo e polas nosas devanceiras. O dedo que aperta o gatillo, a bala que impacta no peito, a flor do toxo no cumio do Monte do Facho”.
“Nun tempo no que o individualismo parece impoñerse e as oportunidades estréitanse, cremos que é fundamental reivindicar o orgullo de pertencer a unha terra, a unha historia, a unha memoria compartida. O orgullo das nosas avoas e bisavoas, que resistiron unha guerra civil e ergueron o futuro coas súas propias mans. O orgullo de ser quen somos”.
UNHA VIAXE SONORA CON RAÍZ E TERRA
Musicalmente, Orgulho (Galunk Producións, 2026) mantén a esencia da banda e reforza o seu vínculo coa tradición: é quizais o seu traballo máis vertixinoso, o que se vive como unha viaxe continua, sen descanso. “Volvemos abrazar os cantos populares, e neste disco latexan con máis forza ca nunca. Hai raíz, hai terra, hai herdanza. Por iso o orgullo non é só un concepto: é o fío condutor de todo o álbum”.
O resultado é un LP cohesionado, directo e pensado tanto para a escoita completa como para o directo, onde a enerxía do grupo atopa a súa máxima expresión. A ilustración de portada é de Iago Comedeiro.
A saída deste novo álbum de Rebeliom do Inframundo vén acompañada polo videoclip dun dos cortes do disco, Cantos da Taberna, dispoñible desde este xoves, 26 de febreiro, ás 14.30h, na canle de YouTube da banda: https://www.youtube.com/watch?v=eISjtdvQufI
MÁIS DA METADE DO AFORO DA SALA CAPITOL ESGOTADO PARA O TOUR ‘ORGULHO’
A única parada en sala do novo Tour ‘Orgulho 2026’ de Rebeliom do Inframundoen Galicia terá lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela o venres 8 de maio, tralo seu paso por cidades como Barcelona, Bilbao e Madrid, con máis do 50% do aforo xa esgotado.




Deja un comentario