édicos galegos salientan os efectos positivos da hidrocinesiterapia en auga termal en pacientes con lesións neurolóxicas e patoloxías do aparato locomotor, asegurando que tras dúas semanas de tratamento se produce unha redución da dor e da inflamación, ao tempo que aumenta a mobilidade e a flexibilidade.
A iniciativa enmárcase nas xornadas organizadas pola Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, financiada por Turismo de Galicia. O encontro celébrase os días 6 e 7 de marzo no balneario de Balneario de Augas Santas, situado no municipio lucense de Pantón, e está dirixido a estudantes dos últimos cursos do Grao en Medicina.
O director médico do balneario, o doutor Antonio Freire Magariños, explica que “a hidrocinesiterapia é unha terapia baseada na realización de exercicio dentro da auga, especialmente indicada para pacientes con afectación do aparato locomotor, en particular doenzas musculares e articulares”. Ademais, subliña a súa utilidade na rehabilitación de persoas con lesións de carácter neurolóxico.
Segundo detalla, a combinación da fisioterapia acuática coas propiedades das augas mineromedicinais permite acadar resultados moi positivos. A duración mínima recomendada é dunha semana, aínda que a pauta ideal é de dúas semanas consecutivas. “Tras este período, os pacientes experimentan unha melloría moi notable: increméntase a flexibilidade e o movemento das articulacións, diminúe a dor e redúcese a inflamación asociada a estes procesos”, afirma.
Os efectos do tratamento prolonganse entre seis e nove meses, polo que os especialistas recomendan repetir a terapia nese intervalo para manter os beneficios. O doutor Magariños lembra tamén que este tipo de intervención debe ser sempre prescrita polo facultativo do balneario tras unha consulta inicial.
A hidrocinesiterapia pode realizarse de maneira individual ou colectiva. Nas sesións personalizadas, o fisioterapeuta acompaña o paciente dentro da piscina e adapta os exercicios ás súas necesidades específicas. No caso das sesións en grupo, establécense rutinas segundo cada patoloxía, mentres o profesional guía os movementos desde a auga.
O programa das xornadas inclúe unha sesión práctica nas piscinas termais o venres pola tarde, onde o alumnado coñecerá as técnicas empregadas para tratar distintas doenzas. Posteriormente, o doutor Magariños afondará no potencial terapéutico da hidrocinesiterapia. O sábado pola mañá, xunto á fisioterapeuta Patricia López, os estudantes experimentarán diferentes técnicas de balneación e aplicacións a presión colectivas, completando así a súa formación práctica en cura termal.




Deja un comentario