A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (EASDMM) celebra este xoves, ás 18:30 horas, o evento central da edición 2026 de Despunte no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. O desfile das coleccións de moda do alumnado é o gran protagonista do evento, e servirá de marco para a entrega de galardóns de todas as disciplinas impartidas no centro.
A gala principal, á que se accede mediante convite e que se emitirá en streaming a través da canle de YouTube da escola, reunirá a unhas 700 persoas. O tecido empresarial, profesionais do deseño, representantes institucionais e a comunidade educativa daranse cita para presenciar a posta en escena de máis de 30 coleccións creadas polo alumnado das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño de Moda.

Recoñecemento á excelencia e ao talento
Durante o evento no Gaiás, presentado por Rocío R. Padín, levarase a cabo a entrega dos galardóns que recoñecen a calidade dos proxectos finais de todas as especialidades grazas ao apoio de entidades e empresas patrocinadoras. Sara Vázquez (ex alumna e responsable de tendencias e deseño de Euro Prosem), Gloria López Santomé (ex alumna e deseñadora de moda en Pull&Bear), Patricia G. Lema (máis coñecida como Donkey Cool, xornalista freelance de moda, tendencias e viaxes de La Voz de Galicia e Voces de A Coruña) e Laura Villar (gañadora da anterior edición de Despunte) integran o xurado.

Como novidade destacada nesta edición, os galardóns dos Premios Despunte —os grandes protagonistas da xornada— materializaranse por primeira vez nun trofeo físico elaborado íntegramente polo alumnado do Ciclo Formativo de Grao Superior de Técnicas Escultóricas da propia escola.

Sinerxías co sector profesional e institucións colaboradoras
Durante a mañá do xoves, o evento servirá como punto de encontro para xornadas de recrutamento de talento por parte de destacadas marcas do sector téxtil como Bimba y Lola, Adolfo Domínguez, Textil Lonia, El Pulpo, Pull&Bear e Zara, consolidando o vencello entre as ensinanzas artísticas e o mundo profesional.

A organización desta edición é posible grazas ao apoio de diversas entidades e profesionais colaboradores, entre os que destacan a Consellería de Educación; a Fundación Cidade da Cultura (pola cesión do espazo para a gala); a Fundación Eugenio Granell (que cede o espazo para a exposición); e o IES Lamas de Abade, que se encarga do peiteado e maquillaxe das modelos e da condutora da gala, Rocío R. Padín. O evento non podería celebrarse sen o propio corpo estudantil do centro, motor e alma desta pasarela que foi medrando ano tras ano para converterse nunha cita ineludible co novo talento. O alumnado das Ensinanzas Artísticas Profesionais de Fotografía é o encargado de realizar a cobertura íntegra do evento, mentres que as e os estudantes dos primeiros cursos das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño de Moda colaboran como persoal de apoio (staff) en tarefas esenciais de loxística, backstage e acomodación (seating).

Escaparate de talento: exposición e proxección internacional
Visibilizar o traballo do alumnado é un dos grandes obxectivos desta cita xa consolidada no calendario galego e que xa vai pola súa XVI edición. Mentres que a xornada do xoves centrarase na pasarela de moda e na entrega de premios, o traballo das demais disciplinas xa se pode contemplar na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural, Santiago). Desde o pasado 26 de marzo, a Exposición Despunte alberga os cinco mellores proxectos finais das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño de Produto e das Ensinanzas Artísticas Profesionais de Fotografía, Técnicas Escultóricas e Xoiaría Artística, servindo de escaparate aberto ao público xeral.
A presente edición destaca tamén pola súa marcada proxección internacional. A gala coincide coa celebración dunha staff week do programa Erasmus, que trae ao centro a persoal docente procedente de institucións educativas do eido da artesanía, as artes e o deseño de Bosnia e Turquía (a través do CAFI). Así mesmo, a pasarela contará coa participación da colección convidada «Flay», obra da deseñadora Alice Vitali, da Academy of Fine Arts of Macerata (Italia).




Deja un comentario