A ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a fase local da VIII edición da Olimpíada de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos. Unha competición enmarcada na celebración da I Semana da Enxeñaría Civil. Estas olimpíadas constan de dúas fases: a local, que é a que se celebra en cada sede, como foi hoxe o caso da UDC, e a final, á que asistirán os equipos gañadores. As vencedoras desta edición na UDC foron as rapazas que formaban parte do grupo “BARRAGANIT@S”, do Colexio Sagrado Corazón Jesuitinas de Pontevedra, e serán elas as que participarán na final que terá lugar en Granada no mes de abril.
Esta primeira fase local constou de seis probas, ás que tiveron que facer fronte os 24 equipos de 1º e 2º da ESO. Os seis retos consistiron na construción dun arco de dovelas no menor tempo posible cun máximo permitido de 15 minutos; a construción dunha ponte de taboleiros de madeira no menor tempo posible cun máximo de 15 minutos; a construción dunha presa de materiais soltos que retardase o paso da auga, facendo que o tempo de infiltración fose o maior posible, contanto con 5 minutos; a montaxe do máximo número de quebracabezas de gran tamaño con imaxes de obras de enxeñaría nun máximo de 15 minutos; organizar o transporte do máximo número de contedores no menor tempo posible; e por último en 10 minutos cada grupo tivo que construír a torre máis alta.
Entre os obxectivos da olimpíada está comprobar a capacidade de resposta rápida e intuición estrutural de diferentes grupos de estudantes de secundaria traballando en equipo. Cada un dos retos contemplan tamén os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que constitúen un chamamento universal á acción para poñer fin á pobreza, protexer o planeta e mellorar as vidas e as perspectivas das persoas en todo o mundo. Así, as seis probas que constitúen esta olimpíada están relacionadas con 8 dos 17 ODS definidos na Axenda 2030 sobre o Desenvolvemento Sostible pola ONU aprobada no ano 2015.




Deja un comentario