A estudante Lidia García foi a gañadora do Premio Despunte ao Mellor Traballo Fin de Estudos do Grao en Deseño de Moda, dotado con 1.500 euros, pola súa colección Esmorecen. O galardón foi entregado por Sara Vázquez, socia, CEO e directora creativa e de tendencias de Euro Prosem, e por Eugenia Pérez, directora xeral de Ensinanzas Artísticas.

A entrega tivo lugar na XVI Gala Despunte, celebrada na tarde deste xoves no Museo Centro Gaiás, un evento organizado pola Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo que se consolida como unha das principais citas do calendario galego para visibilizar o talento emerxente do deseño.
Outros premios en moda
Durante o desfile tamén se recoñeceu o traballo doutros estudantes. Israel Rúa recibiu o Premio Miscelánea á Mellor Colección de Moda de 3º curso, dotado con 500 euros e patrocinado por Digipress, pola colección Lo que deja el silencio. O premio foi entregado pola directora da empresa, Inés de Sáa.

Pola súa banda, Ainhoa Iglesias Brea foi distinguida co Premio Fusión Artesanía e Moda, dotado con 1.500 euros e patrocinado pola Fundación Artesanía de Galicia, pola colección De perna mala non se olvida. O galardón foi entregado pola xerente da entidade, Elena Fabeiro.

O xurado de moda estivo integrado por Sara Vázquez, Gloria López Santomé, deseñadora en Pull&Bear; a xornalista Patricia G. Lema (Donkey Cool) e Laura Villar, gañadora da edición anterior do certame.
En total, o público puido ver 136 estilismos repartidos en 33 coleccións: oito correspondentes ao alumnado egresado do grao en Deseño de Moda, 25 elaboradas por estudantes de último curso e, como novidade nesta edición, unha colección convidada da Academy of Fine Arts of Macerata (Italia), presentada pola deseñadora Alice Vitali baixo o título Flay.
Premios noutras disciplinas artísticas
A gala tamén serviu para recoñecer o talento doutras especialidades impartidas na escola. O Premio Despunte ao Mellor Traballo Fin de Estudos do Grao en Deseño de Produto, dotado con 1.500 euros e patrocinado por Signus Ecovalor, foi para Ana Picos Martínez polo proxecto Amano, nun acto no que participou a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín. No ámbito da fotografía, Mateo Jáuregui Pérez recibiu o Premio Despunte ao mellor proxecto final do ciclo formativo superior, dotado con 500 euros e patrocinado por González Almacén, pola obra Raíces. O Premio Despunte ao mellor proxecto final do ciclo de Técnicas Escultóricas, patrocinado por PaudePedra, foi para César Loza García pola obra Reprodución do busto do emperador Aulio Vitelio, mentres que o Premio Despunte ao mellor proxecto final de Xoiaría Artística, patrocinado por Ourives de Compostela, recaeu en Sandra Marcuño Riveiro pola proposta Isomorfías. Ademais, o Premio “A Lingua: Arte da túa Terra” 2026, impulsado polo equipo de dinamización lingüística da escola, foi para Carla Bernárdez Méndez, do ciclo de Fotografía, Diego Ares Liñares, de Técnicas Escultóricas, e Laura Sabel Rivas, do grao en Deseño de Produto, mentres que Anxo Pita obtivo o Premio de Deseño Circular 2026 ao mellor proxecto realizado con pneumático reciclado.
Un escaparate para o talento emerxente
A gala, conducida por Rocío R. Padín, reuniu arredor de 700 persoas na Cidade da Cultura de Galicia e puido seguirse tamén en directo a través da canle de YouTube da escola.
Paralelamente, desde o 26 de febreiro ata o 15 de marzo, a Mostra Despunte expón na Fundación Eugenio Granell os cinco mellores proxectos finais das especialidades de deseño de produto, fotografía, técnicas escultóricas e xoiería artística.
A xornada serviu tamén como punto de encontro entre o alumnado e o sector profesional, con xornadas de recrutamento de talento nas que participaron marcas como Bimba y Lola, Adolfo Domínguez, Textil Lonia, El Pulpo, Pull&Bear e Zara.
Con dezaseis edicións ás súas costas, Despunte reafírmase así como unha plataforma clave para dar visibilidade ao traballo do alumnado da EASD Mestre Mateo e fortalecer a conexión entre as ensinanzas artísticas e o mundo profesional.




Deja un comentario