A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), organiza, en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC), o venres 17 de abril, no Pavillón Municipal de Esteiro, a súa V Olimpíada Robótica, un campionato dirixido ao alumnado da ESO de toda Galicia.
Ao longo da xornada, o alumnado participante, divido en grupos de entre 3 e 6 mozos e mozas, terá que superar tres retos: un segue liñas con obstáculos, a proba do “barrendeiro” e unha competición de sumo. O estudantado de 1º e 2º da ESO competirá na “Categoría Promesas” e o de 2º e 3º na “Categoría Elite”.
Na proba do segue liñas, o robot debe seguir unha traxectoria impresa e salvar aqueles obstáculos que se impoñan no seu camiño. No “barrendeiro”, o alumnado terá que empregar algoritmos similares aos que usan as aspiradoras ou as máquinas de cortar o céspede e barrer todos os obxectos do taboleiro.
Por último, na competición de sumo, os equipos medirán as súas forzas nun cara a cara no que deberán expulsar ao robot contrario do taboleiro de xogo. O centros educativos interesados en participar nesta V Olimpíada Robótica deberán inscribirse, enviando un correo electrónico a esteban.jove@udc.es ou chamando ao 881 01 3135, antes das 23:59 horas do domingo 15 de marzo.




Deja un comentario