A Fundación Artesanía de Galicia achegaron aos escolares do CEIP José Cornide da Coruña e do CEIP Juana de Vega en Oleiros os oficios tradicionais da elaboración de zocos e o de construción de pandeiretas, no marco do seu proxecto Artesanía na Escola. Os artesáns Elena Ferro e Xosé Manuel Sanín – protagonistas das dúas primeiras unidades didácticas deste proxecto de divulgación realizarán demostracións destes dous oficios tradicionais, primeiro na Coruña e posteriormente en Oleiros.
Artesanía na escola é un programa de divulgación que busca achegarlle os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, atallar o relevo xeracional nos oficios artesanais.

Esta iniciativa comezou con Eu son zoqueira, unha unidade didáctica dedicada ao oficio dos zoqueiros, a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019. Elena Ferro destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira, que sufriron unha época de crise cando quedou en desuso e só se empregaba para o traxe tradicional.
Esta artesá conseguiu un cambio no valor de uso deste calzado de traballo, outórgalle un novo significado a este produto sen arrebatarlle a súa esencia e reinventouno como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores.

Pola súa banda, Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) é o protagonista da segunda das unidades didácticas de Artesanía na Escola: Eu son artesán de percusión tradicional está centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta. A Fundación Artesanía de Galicia está a traballar xa coa terceira das unidades didácticas, Eu son artesán de figuras de pan, centrada na elaboración dos tradicionais amuletos de miga de pan típicas de Santo André de Teixido (Cedeira), os sanandresiños, moldeados
con fariña e pintados á man a través do artesán Jorge Bellón (Cedeira) e en breve comezarase coas primeiras demostracións en centros de ensino.




Deja un comentario