O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” iniciábase en 2022 impulsado pola Consellería de Economía e Industria -a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, entidade encargada da súa xestión e coordinación. Na cuarta edición do programa, que acaba de concluír, participaron 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade.
Durante os dez meses de duración do programa, traballouse na saída ao exterior das pemes e tamén na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido, abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes.
Axudóuselles a mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras firmas.
Entre estas pemes atópase Costumes Gastronómicas de Galicia, con sede na Coruña. É un obradoiro de panadaría cuxa actividade comezou no ano en 2015 coa idea de dar resposta á crecente demanda, fóra de Galicia, dunha alternativa de calidade da tradicional empanada galega de masa de pan quebrada. O produto elabórano artesanalmente, a man, con ingredientes naturais e sen empregar aditivos. As empanadas consérvanas mediante ultraconxelación, o que permite distribuílas en mercados exteriores. Ademais, non utilizan plásticos nos envases nin nas embalaxes.
Empanada galega de 14 sabores diferentes, con opcións de carnes, peixes, mariscos, vexetais ou veganas
A empresa ofrece unha ampla variedade de formatos, tamaños e un total de 14 sabores, con opcións de carnes, peixes, mariscos, vexetais ou veganas. Así mesmo, adaptan o produto aos requirimentos dos mercados, para cumprir, por exemplo, coas leis islámicas, que prohiben o consumo de certos alimentos.
Nestas dúas décadas levaron a empanada galega a recunchos de toda España e a diferentes países de Europa, tanto a panadeiros como a restaurantes, caterings, empresas de alimentación… Exportaron por primeira vez en 2021 a Suecia e logo a Bélxica, Francia, Noruega, Polonia, Portugal, Suecia e Suíza.
Co impulso de “Galicia Avanza”, a empresa centrou a súa expansión a Francia e Bélxica, dous países cunha importante tradición panadeira; aínda que tamén ten as vistas postas nos EEUU, Hong Kong, Dinamarca, Alemaña, Australia, Portugal e Qatar. No marco do programa, ademais da análise dos mercados de interese, adaptouse a súa páxina web e a etiquetaxe aos países de destino e leváronse a cabo diferentes accións de promoción internacional, co fin de reforzar a presenza da firma no exterior.




Deja un comentario