Sinsal Primavera agroma un ano máis no calendario das melómanas e curiosas, e celebrará a súa nova edición en abril e maio. A serie de concertos eclécticos impulsados pola promotora local Sinsalaudio da man do Concello de Vigo contará no seu cartel con Water Damage, colectivo estadounidense que aposta pola distorsión ininterrompida e a música baseada en drons, e coa cantante islandesa Ólöf Arnalds, quen presentará por primeira vez en España o seu último disco, Spíra. As entradas para os directos, que terán lugar o 1 de abril no MARCO e o 3 de maio na Fundación Sales, están á venda desde hoxe mesmo a través da web de Sinsal.gal.
Sinsal Primavera, unha rara avis no panorama musical galego, pretende achegar ao público a creación de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos. A intención non é outra que sorprender as e aos asistentes a través dunha clara aposta pola experimentación e descubrir proxectos creativos que desafían as fórmulas habituais de expresión. Un ano máis, o MARCO de Vigo será unha das sedes do evento, que este ano tamén contará co apoio da Fundación Sales.

A primeira cita chegará da man do colectivo estadounidense Water Damage, que aterrará en Vigo inmerso nunha xira mundial -e na que a cidade olívica será a única parada en España- para presentar o seu directo, unha experiencia singular que aposta pola distorsión e perturbación do son, mais sen descompoñer o equilibro entre os tons e as capas harmónicas. A súa música, baseada en drons, é un exemplo de como funciona o son en constante vibración e o seu directo será unha das propostas máis desafiantes que o público escoitará en Galicia este ano. Esta viaxe sonora celebrarase o mércores 1 de abril, a partir das 20.30h, no MARCO de Vigo.
O segundo concerto do Sinsal Primavera 2026 chegará o domingo 3 de maio contra o mediodía. A cantante e compositora islandesa Ólöf Arnalds iniciará en Vigo a súa xira española de presentación do seu novo disco, Spíra, un traballo envolvente e de enorme beleza publicado o pasado mes de decembro e moi esperado logo dunha década de silencio, xa que nos seus anteriores traballos contou coa colaboración de artistas como Bjork ou membros de Sigur Rós ou Amiina. Na Fundación Sales, que se estrea como sede do Sinsal Primavera, Arnalds dará a coñecer ao vivo o seu quinto disco. Acompañada polo produtor e músico de jazz Skúli Sverrisson (quen traballou con Lou Reed, Jon Hassell ou Jóhann Jóhannsson), a islandesa moverase entre a tradición oral e a experimentación, transformando o cotidiano e íntimo nunha experiencia compartida.




Deja un comentario