A relación entre o Charlie e o Nick que namorou a lectorado en todo o mundo poderase ler en galego dende o próximo 5 de setembro.
A primeira entrega da serie Heartstopper, Rapaz coñece rapaz, de Alice Oseman, chega ás librarías da man de Xerais cunha tradución de Nee Barros, activista cultural e LGBTIQA+. Xerais ten previsto lanzar tamén os seguintes títulos da serie nos próximos meses. Deste xeito, Heartstopper 2. A miña persoa favorita estará á venda a partir do vindeiro mes de novembro.

Para Fran Alonso, director de Xerais, a tradución de Heartstopper é “un fito importante na edición galega dirixida ao público adolescente; nese sentido Xerais está a facer un enorme esforzo para poñer a disposición do lectorado os cinco títulos de Heartstopper no prazo dun ano”.
“A tradución de Heartstopper ao galego supón cumprir unha débeda de historias diversas, de que o colectivo LGBTIQA+ teñamos referentes na nosa lingua en historias para todas as idades. Especialmente referentes creados por persoas do propio colectivo, porque nós tamén merecemos ter voz e axencia”, conta e tradutore.
Deste xeito, Nee Barros destaca a traxectoria de autoras galegas que poñen o colectivo LGBTIQA+ no centro das súas obras, como Eva Mejuto ou María Reimóndez, e indica que é preciso ampliar as voces. “Un comic de referencia como Heartstopper tiña que estar na nosa lingua xa”.
Nesta primeira entrega da serie, que conta xa con cinco volumes publicados en inglés, o Charlie e o Nick, os protagonistas da historia que están no mesmo instituto, comezan a coñecerse. Axiña se fan amigos, e o Charlie comeza a namorar do Nick, aínda que pensa que non ten ningunha oportunidade. Mais o amor funciona de xeitos sorprendentes, e o Nick está máis interesado no Charlie do que calquera deles pensa.
Un dos principais valores da serie de novelas gráficas de Alice Oseman é que presenta unha historia LGBTIQA+ sen traxedia. “Mostran que é posíbel e está ben ser diferente, querer e ser queride. Que podemos contar historias sobre o colectivo LGBTIQA+ e a adolescencia que non estean marcadas sempre pola violencia e o tráxico. Que na diversidade tamén hai fogar, agarimo e historias de adolescentes como outras calquera!”, tal e como indica Nee Barros. E propie tradutore declárase fan do traballo de Alice Oseman. “Poder facer que estas personaxes que me acompañaron tanto falen agora galego é unha honra.
Tamén unha responsabilidade moi grande, e dá moita vertixe; mais por sorte neste traballo tiven o asesoramento do Éric Dopazo e o acompañamento de Xerais, que se aseguraron de que a tradución tivese a calidade necesaria”, conta.
Para quen aínda non coñeza Heartstopper, Nee Barros defíneo como “un comic rápido e entretido sobre a adolescencia, o amor, a saúde mental, a amizade… cunha historia que te abraza e non te solta ata que o acabas. Ademais, está a influenciar o xeito en que a ficción queer e as historias accesíbeis para público xuvenil son contadas”.





Deja un comentario