A figura de Rosalía de Castro protagoniza un ano máis os escaparates de numerosas librarías galegas coa convocatoria dunha nova edición do Concurso de Escaparates do Día de Rosalía, organizado pola Federación de Librarías de Galicia, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, a empresa Animosa e a ilustradora Paula Mayor.
Este certame, dirixido exclusivamente ás librarías asociadas á Federación, busca poñer en valor a figura dunha das autoras máis representativas da nosa literatura ao tempo que fomenta a creatividade, o coidado estético e a implicación das librarías na celebración do Día de Rosalía.
As librarías participantes deberán enviar antes do 20 de febreiro un par de fotografías ou un vídeo do seu escaparate, que serán valorados por un xurado composto pola ilustradora do libro “Rosalía Oculta”, Paula Mayor, unha persoa designada pola empresa Animosa e outra pola Fundación Rosalía de Castro. Os criterios de valoración serán a creatividade e a composición.
O escaparate gañador recibirá como premio unha visita guiada ao Pazo da Matanza (Casa de Rosalía) para catro persoas, así como un bolso, un neceser e unha axenda de Rosalía de Castro da marca Animosa.
O fallo do xurado farase público na última semana de febreiro a través das redes sociais da Federación de Librarías de Galicia, comunicándose previamente de xeito expreso á libraría premiada.






Deja un comentario