Co inicio do ano tamén volven á actividade os mercados ecolóxicos municipais da Coruña, unha iniciativa que, cada fin de semana, contribúe a visibilizar a pequenos produtores locais e da área metropolitana en eventos abertos á cidadanía e ao aire libre, cun formato rotatorio que se desenvolve nos barrios da cidade herculina.
Este domingo 5 de xaneiro, o mercado ecolóxico municipal volve ao Campo da Leña, cunha ampla programación para todos os públicos que arrincará ás 10.00 horas, coa apertura dun espazo de dinamización infantil que estará habilitado ata as 15.00 horas. En paralelo, e tamén entre as 10.00 e 15.00 horas, as persoas asistentes poderán gozar da intervención artística ‘Arte do residuo’.
Xa a media mañá, ás 11.30 horas, as e os máis pequenos poderán participar nun obradoiro infantil de carácter creativo, no que a rapazada aprenderá a fabricar réplicas do Rei Mago Melchor con materiais reciclados. Cómpre lembrar que para tomar parte no obradoiro será preciso inscribirse previamente no mercado a partir das 10.00 horas, xa que a capacidade prevista estará limitada a un máximo de 15 nenas e nenos. O obradoiro durará unha hora.
Posteriormente, ás 12.30 horas, as crianzas tamén terán a posibilidade de gozar de ‘Onde nacen as apertas’, unha sesión de contacontos con Beíña.

Deja un comentario

Más noticias….