A Universidade de Vigo busca facer agromar o talento literario en lingua galega da comunidade universitaria e faino a través dos Premios de poesía, relato curto e tradución 2025, que convoca a Área de Normalización Lingüística. Este certame ten aberto o prazo de presentación de traballos ata o vindeiro 21 de abril.

A convocatoria, nas tres modalidades, está aberta a todas e todos os membros da comunidade universitaria, aínda que no caso do premio de tradución, queda excluído o profesorado que imparta docencia no Grao en Tradución e Interpretación, no Grao en Linguas Estranxeiras, no Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios ou no Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española.

En total repartiranse 3600 euros, cun primeiro premio de 700€ e dous accésits de 250€ en cada unha das modalidades: poesía, relato curto e tradución, que se lles outorgarán aos mellores traballos orixinais de cada modalidade.

Os premios coñeceranse no acto institucional do Día das Letras Galegas

O xurado, presidido polo reitor ou persoa en quen delegue, estará integrado por persoas de recoñecida traxectoria nos ámbitos da creación poética e narrativa, da crítica literaria e mais da tradución. A entrega dos premios terá lugar no acto institucional da Universidade de Vigo con motivo do Día das Letras Galegas de 2025.

Os traballos premiados en 2024, dispoñibles nunha serie de podcasts

Os traballos premiados serán propiedade das e dos autores, agás a primeira edición, que publicará a Universidade de Vigo en formato libro, como se viña facendo tradicionalmente, e tamén en formato podcast. De feito, dende esta semana xa se poden escoitar os traballos galardoados na anterior edición dos premios, cada un co seu correspondente episodio. Así, na modalidade de poesía, un podcast recolle a poemario Crónica doutra terra, de Natalia Otero, distinguido co primeiro premio, mentres que outras dúas pezas son para os accésit acadados por María Dolores López por A liturxia e Saray Rodríguez, por A outra morte de Sara I. En relato curto, os tres podcasts recollen o primeiro premio para Alba Guzmán por A derradeira novela de Verónica Silgar e os accésits de Fabio Rivas por A froita no karité, e de José Nicanor Alonso por Distopía?. Na categoría de tradución, distinguiuse co primeiro premio a Tamara Andrés Padín, pola tradución dun texto escrito en valenciano por Vicent Andrés Estellés e con cadanseu accésit a Natalia Otero, pola tradución dun texto escrito en castelán polo Conde de Lemos, e a Xulia Sánchez, pola tradución dun texto escrito en inglés por Dolly Alderton.

Fuente: Universidad de Vigo

Deja un comentario

Más noticias….