A vila de Ribadavia acolleu esta fin de semana a 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, un evento consolidado no calendario enogastronómico galego que volveu encher as rúas de sabor, cultura e emprendemento.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou na entrega dos Premios da Cata Popular, onde puxo en valor o papel estratéxico do sector vitivinícola como motor de creación de emprego e dinamización económica no rural galego. Estivo acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e polo alcalde de Ribadavia, César Fernández.
Durante o acto, González destacou que “eventos como esta feira exemplifican o aproveitamento dos recursos propios do territorio, como o viño da Denominación de Orixe Ribeiro, para xerar novas iniciativas empresariais, fomentar o desenvolvemento sostible e atraer turismo de calidade”.
A feira contou cunha ampla participación de adegas da comarca, actividades culturais e gastronómicas, e un importante fluxo de visitantes que converteron a localidade nun referente de actividade económica e cultural. Nesta edición, tamén se puxo en valor o proxecto Vilas Vivas, que se desenvolverá ao longo de 2025 para recuperar baixos comerciais en desuso nos cascos históricos de vilas como Ribadavia, integrando comercio, artesanía e gastronomía en fins de semana temáticas.
O éxito da iniciativa piloto Artesanía, saber e sabor, celebrada en decembro, serviu como antesala desta nova liña de actuación que busca reforzar a identidade das vilas históricas galegas a través da innovación e o desenvolvemento local.
A Feira do Viño do Ribeiro consolídase así como un escaparate de excelencia para os caldos da zona e un espazo de encontro entre tradición, innovación e futuro.






Deja una respuesta