O proxecto “Deseño de novos sistemas de liberación de xenes baseados en niosomas para a transfección efectiva de células mesenquimais” liderado pola investigadora Ramón y Cajal, Ana Rey, que coordina o Grupo de Investigación en Terapia Xénica e Celular (G-CEL) no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, foi un dos seleccionados pola Presidencia da Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia na convocatoria de 2024 para incentivar a consolidación investigadora, segundo a resolución recentemente publicada.
Este proxecto, que recibirá preto de 200.000 euros, ten como obxectivo o deseño de novos sistemas non virais baseados en niosomas (vehículos celulares estables e non tóxicos) que sirvan para transferir xenes e fármacos en células nai e así, buscar novas estratexias de reparación en tecido.
Concretamente en rexeneración de cartilaxe articular, xa que, hoxe en día, non existe unha substitución orixinaria deste tecido. As estratexias dispoñibles ata o momento tan só permiten a obtención dun tecido fibroso que carece das calidades da cartilaxe orixinaria da articulación.
A diferenza doutros tipos celulares, as células da cartilaxe presentan unha capacidade reparativa moi limitada debida á súa baixa actividade metábolica e á súa densa matriz extracelular, o que dificulta a rexeneración deste tecido. A través deste estudo, Ana Rey pretende guiar a actividade destas células para que a cartilaxe poida sanar.
Esta investigación foi iniciada en 2018, desde a incorporación de Ana Rey ao centro e a creación do seu grupo G-CEL. Para ela, estes fondos significan “un paso máis alá á hora de incorporar outros compoñentes que nos permitan incrementar a eficiencia”, pero tamén “un avance para a consolidación da carreira investigadora”, engade. A súa bolsa Ramón e Cajal terminará o próximo outubro polo que, a resolución desta convocatoria permitirá a continuación do proxecto nos vindeiros anos.
Durante o período de financiación, o estudo poderá avanzar no deseño de novos sistemas non virais de transfección, aumentar a súa eficiencia e utilizar estratexias seguras, supoñendo un avance clínico para o paciente, así como un progreso tamén a nivel tecnolóxico.
Colaboración con BioNanoChem
Como grupo pertencente a un centro de investigación interdisciplinar, o proxecto liderado por Ana Rey tamén contará con outro investigador Ramón y Cajal, Roberto J. Brea, do grupo BioNanoChem.
A súa experiencia en química de lípidos para aplicacións biomédicas proporcionará un enfoque innovador á hora da modificación da composición dos niosomas, permitindo ao grupo G-CEL probar estas variacións nos cultivos celulares.
No curso deste estudo, tamén se aplicarán outras disciplinas como a microfluídica, unha tecnoloxía que move pequenas cantidades de líquidos a través de canais estreitos, co obxectivo de obter nanosistemas máis homoxéneos. Estes parámetros son importantes para utilizalos como vehículos de transfección.





Deja un comentario