A nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico (VUT) na Coruña entrará en vigor nos próximos días despois de que o Pleno do Concello aprobase definitivamente hoxe o marco normativo, ideado para reforzar o paquete de medidas que está a impulsar o Goberno de Inés Rey co obxectivo de afrontar as dificultades de acceso á vivenda — especialmente en réxime de alugueiro— na cidade.
Neste sentido, o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, lembrou hoxe que A Coruña é, desde a semana pasada, o primeiro concello de Galicia en obter a declaración de zona de mercado residencial tensionado, unha medida solicitada polo Concello á Xunta de Galicia coa finalidade de contribuír a conter os prezos da vivenda na Coruña. Díaz Gallego puxo en valor a aposta do Goberno de Inés Rey polas políticas de vivenda, indicando que a regulación das VUT é unha medida máis para controlar o correcto crecemento do sector turístico e limitando o impacto dese tipo de vivendas no mercado do alugueiro tradicional.
No referente aos asuntos de vivenda, o pleno ratificou este xoves o texto definitivo do convenio urbanístico mixto de planeamento e execución para o desenvolvemento do API Q28 no parque de Oza, que prevé a recuperación dos soares e leiras existentes entre o parque e o polideportivo municipal do Castrillón co obxectivo de impulsar desenvolvementos residenciais e crear máis áreas verdes e espazos de lecer para a veciñanza nuns enclaves que, a día de hoxe, son focos de maleza, con antigos inmobles en mal estado. “Continuamos hoxe avanzando no impulso das políticas de vivenda que a ciudadania coruñesa demanda tanto regulando as viviendas de uso turístico como impulsando un ámbito, o de Parque de Oza, que nos vai dotar de máis vivienda pública nunha posicion de centralidade da nosa cidade”, indicou Díaz Gallego.
A implantación da Taxa Turística, aprobada en fase inicial
Outro dos puntos destacados na parte resolutiva da orde do día foi a aprobación inicial da coñecida como Taxa Turística, unha recarga municipal sobre o imposto autonómico nas estadías turísticas, concibida para reforzar a prestación dos servizos públicos na cidade ante o aumento de viaxeiros que se está a contabilizar na Coruña nos últimos anos.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, contextualizou a implantación desta medida, que deberá volver ao Pleno para a súa aprobación definitiva. “A taxa nace nun momento de crecemento do turismo, que na Coruña pasou de 750.000 persoas a rozar o millón en apenas dous anos. É bo que creza porque contribúe á xeración de emprego e riqueza, mais é bo tamén que o mesmo que contribúe aos gastos municipais contribúa tamén, aínda que minimamente, aos ingresos. Porque os servizos de seguridade ou de limpeza que pagamos entre todos tamén benefician a quen nos visita”, razoou.
A taxa, que oscilaría entre os 2,5 e 1€ en funcións dos aloxamentos, prevé exencións. Por exemplo, nas estadías por motivos de saúde, ás e aos deportistas federados por competición oficial, ás persoas menores de idade non emancipadas e ás persoas cunha discapacidade superior ao 65%, entre máis supostos, tal e como lembrou Lage.
“Somos un concello cun amplo potencial turístico. Temos moito percorrido aínda, mais o turismo é preciso regulalo antes de que se poida chegar a converter nun problema, porque un millón de persoas ao ano xeran a lóxica carga de traballo para o Concello e consideramos xusto que non sexan os nosos veciños os que a financien. Igual que nós viaxamos a Barcelona ou a Xenebra e aboamos a taxa sen maior problema, sucederá agora con quen nos visite”, explicou.






Deja un comentario