O Festival Sinsal SON Estrella Galicia dá a coñecer as primeiras actividades paralelas á programación de directos do evento cultural, que terá lugar do 25 ao 27 de xullo en San Simón e cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca na illa. Microconcertos de música clásica, sesións de gravación nun cilindro fonográfico, novas audicións Malmequeres ou a incorporación de novas personaxes á exposición de cómic sobre a historia da música e do son en Galicia conformarán as propostas gratuítas que as e os asistentes poderán gozar no marco da liña A Escola Sinsal, o proxecto de Sinsalaudio que promove a difusión e coñecemento da historia dos arquivos sonoros.

Unha das grandes novidades deste Sinsal 2025 será a participación, durante os tres días do festival, da Orquesta Clásica de Vigo. Se na pasada edición rendeu homenaxe a Reveriano Soutullo -coa estrea de arranxos inéditos de La leyenda del beso, da que o compositor ponteareas é coautor-, este ano a formación propón outra viaxe ao tempo, desta queda ao compás das músicas de cafés, bailes e verbenas que tiveron en lugar en Galicia na primeira metade do século XX. A intención non é outra que poñer en valor o papel das obras interpretadas por músicos locais, instrumentistas anónimos, que realizaban un traballo ben relevante antes da popularización da música gravada, como era levar os sons e os ritmos a todos os territorios.
Na primeira das xornadas, a Orquesta Clásica de Vigo, a través dun sexteto de café, evocará desde a cafetería de San Simón un insólito filme galego de vangarda: Canto de emigración, unha peza rodada no 1935 polo ourensán Tony Román, da que unicamente se conversan vestixios que axudan a visualizar a película, e a partitura que o tudense Teódulo R. Páramos compuxo para acompañar as imaxes. Xa de cara ao sábado 26 e 27, a orquestra presentará Rumbantela. Unha formación dun cuarteto de saxofóns revisará estilos musicais que fixeron bailar as xeracións de galegas e galegos da primeira metáde do século pasado. Haberá pezas orixinais, grandes éxitos do momento, xoias preservadas dun arquivo persoal e tamén a memoria da banda de música de Sande (Ourense).

Novas Sesións San Simón
Outro dos clásicos d’A Escola Sinsal volverá á illa este verán. Trátase das Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas ao vivo polo investigador e experto Aleks Kolkowski. Nelas participan -de xeito moi activo- as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera. As sesións, que este ano se desenvolverán nun único espazo -a cafetería da illa- durante de toda a fin de semana, son abertas para o público asistente. As persoas que se acheguen poderán gozar dun feito cultural único co que viaxarán, a través do son e durante uns instantes, cen anos atrás. Algunhas das gravacións realizadas nas pasadas edicións pódense escoitar e visualizar en www.sinsalaudio.es.
Audicións no escenario Malmequeres
Un dos escenarios que se estrearon na pasada edición, Malmequeres, regresará neste 2025 para ofrecer novas sesións dentro da programación d’A Escola Sinsal. A Praza de San Simón (detrás da igrexa) acollerá a cabina que recibirá visitas de DJs durante o festival, mais tamén das convidadas das audicións Malmequeres, que serán as encargadas de abrir, cada xornada (de 12:45 a 13:45 aprox.), as actividades do festival con mesturas que farán a partir de arquivos analóxicos esquecidos.
Así, o venres 25, Chus Taboada e Eva Izquierdo (da banda punk rock Voces de Ultratumba) revisarán o seu arquivo dos anos oitenta. Ao día seguinte, o sábado 26, Marco Maril (Apenino), recuperará a súa etapa radiofónica dos anos 90 en Radio Medellín (Santiago de Compostela) e o proxecto editorial da desaparecida Sala Nasa ou o nomeado “rock parrulo”. Finalmente, o domingo 27 será a quenda de Isabel Díaz e Pedro Blázquez, dous xornalistas históricos da cultura de clubs e da música electrónica que contaron numerosos programas especializados en RNE ou Cadena SER.
Mercedes Mariño, Ana Kiro e Reveriano Soutullo incorpóranse á mostra d’A Escola Sinsal
A programación paralela d’A Escola Sinsal completarase coa ampliación da exposición de cómic que recompila e divulga a historia do son e da música gravada en Galicia a través de personalidades do país que tiveron relación coa mesma, e que abrangue desde o século XVII até o século XX.
Se o ano pasado 8 debuxantes representaban as historias de Domingo Martínez de Presa, Severino Pérez Vázquez, Andrés Avelino Comerma, Emilia Pardo Bazán, Enrique Labarta Pose, Maruja Boga, Pedro Ferrer ou os irmáns Portela Seijo; este ano outros súmanse outras tantas figuras interpretadas por outros tantos debuxantes: Mercedes Mariño (Julia Lago), Amando Hermida (Carlos G. Boy), Manuel Mirás (Nico Ben), Fina Galicia (María Ramos), Reveriano Soutullo (Paw Salcés), Ernesto Lecuona (Paula Guerrero), Ana Kiro (Luis Yang) e Eloy Luis André (David González López).
Esta historia gráfica arredor da música gravada en Galicia contempla outra novidade, xa que estas personaxes e os cómics exhibiranse no exterior, a ceo aberto, e público poderá descubrir os contidos tanto na zona dos escenarios coma noutras instalacións do festival.





Deja un comentario