O Festival Sinsal SON Estrella Galicia dá a coñecer as primeiras actividades paralelas á programación de directos do evento cultural, que terá lugar do 25 ao 27 de xullo en San Simón e  cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca na illa. Microconcertos de música clásica, sesións de gravación nun cilindro fonográfico, novas audicións Malmequeres ou a incorporación de novas personaxes á exposición de cómic sobre a historia da música e do son en Galicia  conformarán as propostas gratuítas que as e os asistentes poderán gozar no marco da liña A Escola Sinsal, o proxecto de Sinsalaudio que promove a difusión e coñecemento da historia dos arquivos sonoros.

Unha das grandes novidades deste Sinsal 2025 será a participación, durante os tres días do festival, da Orquesta Clásica de Vigo. Se na pasada edición rendeu homenaxe a Reveriano Soutullo -coa estrea de arranxos inéditos de La leyenda del beso, da que o compositor ponteareas é coautor-, este ano a formación propón outra viaxe ao tempo, desta queda ao compás das músicas de cafés, bailes e verbenas que tiveron en lugar en Galicia na primeira metade do século XX. A intención non é outra que poñer en valor o papel das obras interpretadas por músicos locais, instrumentistas anónimos, que realizaban un traballo ben relevante antes da popularización da música gravada, como era levar os sons e os ritmos a todos os territorios.

Na primeira das xornadas, a Orquesta Clásica de Vigo, a través dun sexteto de café, evocará desde a cafetería de San Simón un insólito filme galego de vangarda: Canto de emigración, unha peza rodada no 1935 polo ourensán Tony Román, da que unicamente se conversan vestixios que axudan a visualizar a película, e a partitura que o tudense Teódulo R. Páramos compuxo para acompañar as imaxes. Xa de cara ao sábado 26 e 27, a orquestra presentará Rumbantela. Unha formación dun cuarteto de saxofóns revisará estilos musicais que fixeron bailar as xeracións de galegas e galegos da primeira metáde do século pasado. Haberá pezas orixinais, grandes éxitos do momento, xoias preservadas dun arquivo persoal e tamén a memoria da banda de música de Sande (Ourense).


Novas Sesións San Simón

Outro dos clásicos d’A Escola Sinsal volverá á illa este verán. Trátase das Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas ao vivo polo investigador e experto Aleks Kolkowski. Nelas participan -de xeito moi activo- as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera. As sesións, que este ano se desenvolverán nun único espazo -a cafetería da illa- durante de toda a fin de semana, son abertas para o público asistente. As persoas que se acheguen poderán gozar dun feito cultural único co que viaxarán, a través do son e durante uns instantes, cen anos atrás. Algunhas das gravacións realizadas nas pasadas edicións pódense escoitar e visualizar en www.sinsalaudio.es.

Audicións no escenario Malmequeres

Un dos escenarios que se estrearon na pasada edición, Malmequeres, regresará neste 2025 para ofrecer novas sesións dentro da programación d’A Escola Sinsal. A Praza de San Simón (detrás da igrexa) acollerá a cabina que recibirá visitas de DJs durante o festival, mais tamén das convidadas das audicións Malmequeres, que serán as encargadas de abrir, cada xornada (de 12:45 a 13:45 aprox.), as actividades do festival con mesturas que farán a partir de arquivos analóxicos esquecidos.

Así, o venres 25, Chus Taboada e Eva Izquierdo (da banda punk rock Voces de Ultratumba) revisarán o seu arquivo dos anos oitenta. Ao día seguinte, o sábado 26, Marco Maril (Apenino), recuperará a súa etapa radiofónica dos anos 90 en Radio Medellín (Santiago de Compostela) e o proxecto editorial da desaparecida Sala Nasa ou o nomeado “rock parrulo”. Finalmente, o domingo 27 será a quenda de Isabel Díaz e Pedro Blázquez, dous xornalistas históricos da cultura de clubs e da música electrónica que contaron numerosos programas especializados en RNE ou Cadena SER. 

Mercedes Mariño, Ana Kiro e Reveriano Soutullo incorpóranse á mostra d’A Escola Sinsal

A programación paralela d’A Escola Sinsal completarase coa ampliación da exposición de cómic que recompila e divulga a historia do son e da música gravada en Galicia a través de personalidades do país que tiveron relación coa mesma, e que abrangue desde o século XVII até o século XX. 

Se o ano pasado 8 debuxantes representaban as historias de Domingo Martínez de Presa, Severino Pérez Vázquez, Andrés Avelino Comerma, Emilia Pardo Bazán, Enrique Labarta Pose, Maruja Boga, Pedro Ferrer ou os irmáns Portela Seijo; este ano outros súmanse outras tantas figuras interpretadas por outros tantos debuxantes: Mercedes Mariño (Julia Lago), Amando Hermida (Carlos G. Boy), Manuel Mirás (Nico Ben), Fina Galicia (María Ramos), Reveriano Soutullo (Paw Salcés), Ernesto Lecuona (Paula Guerrero), Ana Kiro (Luis Yang) e Eloy Luis André (David González López). 

Esta historia gráfica arredor da música gravada en Galicia contempla outra novidade, xa que estas personaxes e os cómics exhibiranse no exterior, a ceo aberto, e público poderá descubrir os contidos tanto na zona dos escenarios coma noutras instalacións do festival.

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo