A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais de Santiago vén de reforzar o convenio de colaboración que mantén coa Fundación Down Compostela para o desenvolvemento do seu programa de vida independente “Isto é Vida”. Trátase dun proxecto que ten como obxectivo fomentar a autonomía dos mozos e mozas con síndrome de Down, facilitándolles a súa primeira experiencia de viviren de maneira independente nun piso compartido.

No piso no que se desenvolve o programa de vida independente da Fundación Down Compostela residen a día de hoxe unha moza e dous mozos: Pamela, Fran e Dani. Este proxecto, permite dar un paso moi importante na inserción e no fomento da autonomía das persoas con síndrome de Down. O Concello de Santiago colabora nesta iniciativa a través dun convenio ao que este ano se destinaron 15.000 euros, 5.000 euros máis que en anos anteriores. O presidente de Down Compostela agradeceu este incremento da achega no convenio de colaboración e o compromiso do Concello co programa de vida independente “que puxemos en marcha en xaneiro de 2024 e que está repercutindo moi positivamente na vida persoal e tamén profesional dos mozos e mozas usuarias”. Juan Martínez apuntou que “a evolución dos mozos e mozas participantes é moi notable, e mesmo as empresas nas que traballan perciben ese cambio a mellor”. Tal e como relatou, o obxectivo é “que as persoas con síndrome de Down poidan aspirar ao que aspiramos todas cando somos adultos: ter a nosa casa e facer a nosa vida”.

down compostela

Pamela, Fran e Dani comparten piso, tarefas, e o seu tempo de ocio. O obxectivo do programa “Isto é vida” é fomentar a autonomía, a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento pleno do rol de persoa adulta, para que as persoas con síndrome de Down poidan construír un proxecto de vida propio. As persoas participantes no proxecto deben ser usuarias da Fundación Down Compostela e teren un contrato de traballo, porque o programa pretende darlle a oportunidade ás persoas de aprender a vivir de xeito independente para que logo o poidan facer polos seus propios medios.

Deja un comentario

Más noticias….