O ciclo solidario Os Xoves de Códax arrancou nunha noite marcada pola emoción e o compromiso social. A terraza de Bodegas Martín Códax acolleu os concertos de Depedro e Eladio y los Seres Queridos, que ofreceron ao público unha velada íntima, cálida e chea de honestidade musical. A recadación íntegra da xornada foi destinada á asociación ACOUGO, Asociación Galega de Familias de Acollida, unha entidade que traballa en Galicia para garantir o dereito dos cativos a crecer nun entorno familiar seguro e afectivo.
Os Xoves de Códax celebra este ano a súa décimo segunda edición, consolidándose como unha proposta cultural única que combina música en directo, viño e solidariedade nun espazo tan especial como a terraza da adega Martín Códax, con vistas á Ría de Arousa.
Desde o seu primeiro ano o ciclo apostou por vincular cada concerto cun proxecto social diferente, colaborando xa con máis de 40 entidades e recadando máis de 270.000 euros para causas que melloran vidas. Este modelo de cultura comprometida sitúa a Bodegas Martín Códax como unha referencia de responsabilidade social no sector vitivinícola.
Depedro, proxecto musical do madrileño Jairo Zavala, ofreceu un concerto no que combinou ritmos mediterráneos, latinoamericanos e africanos, cun repertorio cheo de mensaxes de identidade, memoria e emoción. Cunha posta en escena sinxela e poderosa, Depedro conectou co público dende a honestidade e o sentimento. Pola súa banda, Eladio y los Seres Queridos celebran vinte anos de traxectoria cun directo elegante, introspectivo e cargado de lirismo. A banda viguesa presentou temas do seu novo disco B.S.O. (2005–2025), repasando dúas décadas de son e palabra. Letras que
falan da vida, do amor e da beleza das cousas pequenas emocionaron a un público entregado dende o primeiro momento.

Eladio y los seres queridos
A banda viguesa Eladio y los seres queridos


O proxecto social seleccionado, Acougo, ofrece acompañamento a familias acolledoras, formación, asesoramento profesional e campañas de sensibilización social. A súa misión é xerar unha auténtica cultura de acollemento familiar en Galicia, co obxectivo de que todos os nenos, nenas e adolescentes que non poden criarse coa súa familia de orixe poidan exercer o seu dereito a medrar nun entorno familiar, mantendo tamén o vínculo coas súas orixes.
Grazas á colaboración con Os Xoves de Códax, a entidade poderá reforzar os seus programas de apoio e visibilizar unha realidade que afecta a centos de nenos e nenas na comunidade galega. “É unha honra para nós formar parte desta iniciativa que une cultura e compromiso social dun xeito tan inspirador. Esta noite permitiunos contar o que facemos e porque é tan importante que as crianzas en risco teñan acceso a un fogar de verdade. Grazas a Martín Códax por poñer a música ao servizo da infancia”, declarou o equipo de Acougo.

Deja un comentario

Más noticias….