O Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC celebrou os seus dez anos de traxectoria na vangarda da investigación ambiental cun acto institucional na Escola Técnica Superior de Enxeñaría ao que asistiron preto de 100 persoas procedentes do ámbito académico, científico e empresarial do sector ambiental.
O acto, que presidiu o reitor Antonio López, conmemora unha década de investigación punteira en proxectos de alcance global nos eidos da biodiversidade, a rexeneración de solo e auga, e o desenvolvemento de tecnoloxías ambientais innovadoras. A xornada serviu tamén como presentación pública da incorporación de CRETUS á Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego (CIGUS), un fito que consolida o recoñecemento á calidade, impacto e excelencia da súa actividade investigadora ao longo desta década.
O CRETUS iniciou a súa actividade como agrupación, e foi evolucionando ata o seu recoñecemento actual como centro singular e ten un papel estratéxico na promoción de solucións sostibles fronte aos retos ambientais actuais e futuros.



O centro CRETUS busca o diagnóstico, o desenvolvemento tecnolóxico e a avaliación de solucións, para abordar de xeito holístico desafíos ambientais ambiciosos a través da cooperación interdisciplinar. Esta singularidade permítelle aplicar unha axenda científica firmemente comprometida coas políticas ambientais actuais.

A investigación CRETUS combina as capacidades de diferentes áreas de Ciencias Experimentais (ecoloxía, ecotoxicoloxía, modelización, química analítica e ambiental), Ciencias Sociais (dereito ambiental, economía e psicoloxía social), Humanidades (arqueoloxía) e Enxeñaría (biotecnoloxía ambiental, enxeñaría ambiental e de procesos).
O centro conta con 32 investigadores e investigadoras adscritos, 7 vinculados, 25 posdoutorais, 65 predoutorais e 12 técnicos e técnicas de xestión e persoal de laboratorio e é un dos 10 Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego que contra co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

Deja un comentario

Más noticias….