Universidade de Santiago contará cunha nova estrutura de investigación, neste caso no Campus Terra de Lugo, logo de que o Consello de Goberno da USC dese o seu visto bo á creación do Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA) e ao seu regulamento de réxime interno.
Este novo centro, con sede na Facultade de Veterinaria e que nace xa cun equipo de 95 investigadoras e investigadores do Campus terra, xurde para abordar os desafíos interconectados en saúde humana e animal, nutrición, produción, tecnoloxía e seguridade alimentarias e sustentabilidade ambiental.
No período 2020-2024 o volume de recursos captados por actividades de I+D e Transferencia dos grupos que conforman este instituto ascendeu a un total de 4 millóns de euros, procedentes principalmente de convocatorias competitivas para a realización de proxectos de investigación, que aglutinan o 51% do financiamento captado (2 M€). Os contratos e convenios suman 1,6 M€, o 41% do total de recursos captados.
Concerto co Sergas
Na mesma xuntanza aprobáronse os termos do concerto entre a USC e o Sergas para garantir a utilización das institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia na docencia e investigacioìn dos estudos curriculares de ciencias da sauìde ou especialidades sanitarias impartidos pola universidade, tanto nos estudos de grao coma nos de posgrao ou na formacioìn continuada das e dos profesionais, e sempre que no cadro de persoal estrutural do Sergas exista persoal cualificado para impartir esa formación.

Este concerto coa USC -haberá un con cada Universidade do SUG para as correspondentes titulacións de Ciencias da Saúde- permite avanzar, no caso de Medicina, no proceso de descentralización da docencia de modo que o estudantado deste título poida completar a súa formación clínica na rede asistencial do Sergas. O acordo permite así que a Universidade responsable do título poida ter profesorado alí onde se imparte a docencia descentralizada.
O documento actualiza o asinado en 2001 para adecuarse á nova realidade marcada no acordo de 2015, que establece unha única facultade en Galicia con docencia descentralizada nos últimos cursos, de maneira que se aproveitan así todos os recursos sanitarios de Galicia “para poñelos ao servizo da mellor formación do noso estudantado, que é a peza fundamental neste asunto”, explicou o reitor. De acordo coa situación actual “este é o modelo máis responsable e máis respectuoso e que mellor aproveita todas as capacidades do sistema sanitario galego”, afirmou.





Deja un comentario