O proxecto XoGal, impulsado polos GDR Montes e Vales Orientais, Terras de Miranda, Terra Chá e Seitura 22 en colaboración coa empresa galega Skeirrum, arrinca en Vilalba coa súa primeira cita. Será o día 28 de agosto ás 17.00 horas, cunha actividade de escape room ao aire libre aberta e de balde para toda a veciñanza e visitantes.
A experiencia, titulada “O Segredo dos Andrade”, propón mergullarse nun desafío histórico e lúdico ao redor dunha das familias máis influentes da Galicia medieval: “Cabaleiros, revoltas e túneles ocultos: a historia dos Andrade non se conta, resólvese. Só quen supere as probas do Torreón poderá coñecer o enigma dunha familia que marcou Galicia a ferro e lume. Estás preparado para entrar no corazón dun castelo con historia?”
Os participantes deberán resolver acertixos, preguntas e probar para completar o percorrido e clasificarse entre os mellores do proxecto, optando así a diversos premios.
A inscrición xa está aberta, de forma gratuíta. Para participar só é necesario dispor dun teléfono móbil con batería cargada, conexión a internet e calzado cómodo.
Con esta proposta, XoGal convida a redescubrir Vilalba e o seu patrimonio cunha fórmula innovadora que une xogo, historia e cultura.

XoGal é un proxecto que busca dinamizar o rural galego mediante a promoción cultural e turística baseada na gamificación, e contempla un total de 10 citas entre agosto e outubro de 2025, en dez concellos diferentes: Navia, Pedrafita do Cebreiro, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro, Abadín-Gontán, Vilalba, Pontedeume, Ortigueira e Neda





Deja un comentario