A Fundación Artesanía de Galicia promove un proxecto de colaboración entre a marca de roupa artesanal Carmen 17 (Madrid) e a artesá Montse Betanzos (O Grove), especializada no oficio das colareiras. A colección cápsula resultante está dispoñible a partir de hoxe na súa páxina web e busca reivindicar a importancia das colareiras da Toxa como creadoras e artesás, ademais do seu papel fundamental no sustento da economía de moitas familias da zona.
A colección Colareira constitúe unha nova edición do proxecto El buen suceso, no que Carmen 17 procura establecer un diálogo entre a moda, as técnicas da costura manual e as artesanías tradicionais. Nesta ocasión, as cunchas empregadas na elaboración de colares e complementos incorpóranse ao deseño e á confección das prendas a modo de pedrería natural.
O xerme desta colaboración entre Carmen 17 e Montse Betanzos xurdiu durante a celebración da décima edición do Corazón da Artesanía, celebrada nos Pendellos de Agolada en xullo de 2024. Sofía Nieto e Arantza Rodrigálvarez coñeceron de primeira man o traballo de Montse Betanzos e a historia do oficio das colareiras da Toxa, que desde comezos do século XX vendían aos turistas do Gran Hotel colares feitos á man coas cunchas que recollían na praia. Sofía e Arantza interesáronse por este oficio e quixeron resaltar o valor cultural e creativo deses colares, que constitúen un emblema de souvenir turístico e de identidade cultural do Grove.
Deste xeito, a través da colección Colareira —dispoñible tamén na tenda taller de Carmen 17 en Madrid — preténdese poñer o foco na beleza e no simbolismo das buguinas, así como compartir e admirar este estilo de vida que conecta a Ría de Arousa coa creación estética e co oficio das colareiras.

colareira artesania galicia

Carmen 17 é un taller que combina o deseño de vestiario para artes escénicas coa súa marca de roupa artesanal, fundado en Madrid por Sofía Nieto, licenciada en Escenografía na RESAD, e Arancha Rodrigálvarez, licenciada en Matemáticas e Moda en Central Saint Martins. É tamén un proxecto cultural arredor do téxtil, no que se reivindica o papel das mulleres costureiras, o grande patrimonio cultural que supoñen os labores e o valor simbólico deste oficio, que se concibe como unha linguaxe que xera arte.
Unha das liñas de deseño da marca baséase na investigación etnográfica e foi finalista dos Premios Nacionais de Artesanía 2022 e 2023 polas súas coleccións Jacaranda e La Moñetes. En 2025 participou na exposición Raíces do Museo de Traxe de Madrid coa súa colección El buen suceso.

Deja un comentario

Más noticias….