I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, veñen de anunciar ás persoas seleccionadas neste 2025 pola Xunta Directiva da Asociación Galega das Empresas Musicais como Artista do Ano e Persoa do Ano 2025 nesta primeira edición dos galardóns.

AGEM decidiu outorgar a Carlos Ares o Premio ao Artista do Ano 2025 pola súa traxectoria e a súa contribución á difusión da cultura galega, como un talento innegable que se consolidou no circuíto grazas á súa singular identidade artística e ao seu fermoso directo, gañando novas e novos seguidores día a día. Mentres, na categoría de Persoa do Ano 2025, foi elixido Francisco Gómez, popularmente coñecido como Gandy, polo papel chave que desempeñou e desempeña na consolidación e o sostemento da escena musical galega.

Paralelamente, o público elixiu por votación popular ao Surfing The Lérez como gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público neste 2025. A votación en liña finalizou o pasado luns, 10 de novembro, ás 23.59 horas e o proxecto máis votado nesta categoría aberta ás apartacións da audiencia foi esta singular cita pontevedresa, seguida en número de votos por outros queridos proxectos como Noites do Porto ou o Atlantic Pride da Coruña. Con este galardón, a Asociación Galega de Empresas Musicais quere recoñecer aqueles proxectos, espazos ou eventos que puxeron ás persoas espectadoras no centro, ofrecendo unha vivencia inesquecible.

En palabras de Josiño Carballo, tesoureiro de AGEM, “desde a Asociación Galega das Empresas Musicais recoñecemos a Carlos Ares co galardón ao Artista do Ano nesta primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia. Destacamos o seu talento, a súa traxectoria e a súa contribución á difusión do talento galego”. Carballo apuntou, tamén, que “Carlos Ares consolidouse este ano no circuíto musical grazas a súa singular identidade artística e ao seu fermoso directo. Son moitísimos os e as fans do artista que se suman día tras día e concerto tras concerto. Felicidades Carlos, noraboa!”.

Pola súa banda, Patricia Hermida, presidenta de AGEM, anunciou “que, desde a Xunta Directiva de AGEM, organizadora dos I Premios da Industria Musical de Galicia, decidimos outorgar o recoñecemento á Persoa do Ano 2025 a Francisco Gómez, popularmente coñecido como Gandy, pola súa traxectoria e o seu compromiso constante coa música en Galicia. Gandy é unha desas figuras fundamentais que, sen estar sempre diante dos focos, sostivo e sostén a estrutura do que somos como sector”.

Hermida destacou, tamén, que, “desde Copra Producciones, a súa empresa, Gandy contribuíu durante décadas a que a música suceda, que os artistas teñan escenarios, que o público viva experiencias memorables e que a cidade goce dunha vida cultural real e compartida. O seu traballo é esa labor silenciosa que constrúe comunidade: apoiar proxectos cando simplemente son unha intuición, abrir camiños, conectar persoas, crear espazos… E facelo sempre con profesionalidade, respecto, paixón é un sorriso na cara”.

A presidenta de AGEM engadiu finalmente: “Este recoñecemento ven a ser unha mostra de agradecemento colectivo pola súa constancia, pola súa visión, pola súa entrega de tantos anos e polo papel chave que desempeñou e desempeña na consolidación e o sostemento da escena musical galega. Grazas Gandy e parabéns por ser a Persoa do Ano nestes I Premios da Industria Musical de Galicia”.

Ademais destes tres galardóns hoxe anunciados, un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e Fundación Paideia seleccionou un total de 42 proxectos finalistas no resto de categorías destes I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM: 3 por cada un dos 14 rangos xerais contemplados nos premios. A noite do xoves, 27 de novembro, daranse a coñecer os gañadores nun encontro sectorial na Sala Capitol de Santiago de Compostela, onde tamén terá lugar a entrega dos galardóns.

Deja un comentario

Más noticias….