A Cidade da Cultura acolleu este mércores a segunda edición de Enfócate 2025, un proxecto educativo que se reafirma como unha cita clave para o alumnado e profesorado do ámbito audiovisual en Galicia. Máis de 700 estudantes de diferentes centros participaron nunha xornada que combinou masterclasses, talleres especializados e demostracións técnicas a cargo de recoñecidos profesionais do sector.
A iniciativa enmárcase no PLAN EDUC-ART, recentemente impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que busca fortalecer a conexión entre o sistema educativo e o tecido profesional das artes visuais. Froito da colaboración público-privada, o evento está organizado pola Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, a empresa González Almacén Fotográfico e o CIFP Imaxe e Son da Coruña.
Enfócate xorde como evolución do proxecto “FotoEscola”, impulsado por Juan Adrio e Pablo González, e aposta por un modelo formativo práctico, innovador e orientado á realidade laboral. Durante a xornada, o alumnado puido inscribirse en diversos obradoiros segundo os seus intereses, mentres que a Consellería facilitou a infraestrutura necesaria para o desenvolvemento da actividade.
Entre os profesionais convidados destacou unha ampla representación de embaixadores de marcas líderes no audiovisual. Álvaro Sanz, referente do documental, abriu a programación cun taller centrado na linguaxe cinematográfica e na relevancia das decisións visuais. Pola súa parte, o fotógrafo internacional Gus Geijo compartiu o seu fluxo de traballo en retrato, moda e beleza, mentres que Jaime de Diego, embaixador de Canon, abordou os erros máis comúns nunha sesión fotográfica deportiva.
A iluminación e a creación contemporánea tamén tiveron o seu espazo da man de Jake and Claud, que demostraron o potencial da luz continua Maxxima. Joan Vendrell, embaixador de Fujifilm, profundou na profesionalización da fotografía a través da súa propia traxectoria, e María Presser (Sony) centrouse no uso da intelixencia artificial como ferramenta creativa e de optimización do fluxo de traballo.
O apartado máis técnico chegou da man de Santi Veiga (Sigma e Zhiyun), cun obradoiro práctico sobre o uso de gimbals, sliders, iluminación narrativa e composición audiovisual. Ademais, o fotógrafo Luis Carro realizou demostracións de procesos fotoquímicos en colaboración con Dugopa, achegando ao alumnado técnicas tradicionais que complementan a formación dixital.
Como peche da xornada, a creadora audiovisual Andrea Font, embaixadora de Sony e referente da creatividade visual contemporánea, impartiu a Súper Masterclass central. Con máis de 70.000 seguidores e unha carreira ligada á música, o documental, os deportes acuáticos e a publicidade, Font compartiu claves sobre dirección, rodaxe e comunicación visual en grandes producións.
A edición 2025 de Enfócate reafirmou o seu papel como espazo de aprendizaxe, innovación e talento, impulsando novas oportunidades para o futuro profesional do alumnado das artes visuais en Galicia.





Deja un comentario