O Mercado da Estrela celebrará a súa XIV edición desde este venres 19 ata o domingo 21 de decembro apostando polo talento local, o consumo responsable, e a identidade cultural galega. O Mercado da Estrela é un evento xa consolidado, concibido como un espazo de encontro nas datas de Nadal arredor da creatividade, a cultura e o talento de orixe. O obxectivo é ofrecer unha experiencia que vai máis alá das compras, combinando unha feira creativa contemporánea e unha programación cultural aberta, ampla e de balde. Para iso, no Mercado da Estrela haberá artesanía, deseño, música, gastronomía e actividades, tamén dirixidas ao público infantil.

Diferentes espazos
A feira creativa do Mercado da Estrela celebrarase na Hospedería de San Martiño Pinario, coa participación de diferentes marcas e persoas emprendedoras e creadoras. No mesmo espazo desenvolveranse obradoiros infantís, haberá unha gardería-ludoteca, e celebraránse diferentes actividades para todos os públicos.
A Praza 8 de marzo acollerá a zona gastronómica do Mercado da Estrela, con foodtrucks e sesións de DJ´s. Tamén haberá, co patrocinio da Deputación da Coruña, un espazo baixo o nome “A paisaxe que sabe” onde se levarán a cabo os showcooking da man de Espazo Abella, A Horta do Obradoiro e A Maceta.
A Praza de Cervantes será o denominado “Espazo Estreleiro”, no que o público poderá participar nun xogo da oca xigante e facer uso, de balde, dun espazo habilitado para envolver os agasallos adquiridos no festival.
Programación musical
O Centro Xuvenil Don Bosco volverá ser o escenario da programación musical do Mercado da Estrela. Nesta XIV edición destaca o debut de Saibran, metade de Boyanka Kostova, e a volta aos escenarios de Triángulo de Amor Bizarro, dous momentos especialmente agardados dentro da proposta cultural do evento. Tamén está prevista a participación de IGMIG, Ulex, Montedapena, Antela, Maricarme, Sheila Patricia e Zålomon Grass.
Tamén no Centro Xuvenil Don Bosco, celebrarase o Bingo Estreleiro, o Retrokaraoke con cancións anteriores aos anos 2000, e unha versión do xogo popular das cadeiras con música tradicional.
O Mercado da Estrela conta coa colaboración do departamento de Comercio do Concello de Santiago, que tamén apoia o evento a través de Turismo de Santiago.





Deja un comentario