A Sala de Prensa do Pazo de Montenegro acolle este mércores 21 de xaneiro, a partir das 13.30 horas, o acto de entrega dos Premios que con carácter anual outorga a Cátedra do Pan e do Cereal da USC. A sesión, presidida polo reitor Antonio López Díaz, contará coa participación da directora da devandita Cátedra, Ángeles Romero, e do vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga.
Puido presentarse a este premio todo o estudantado que tivese defendido durante o curso académico 2024-2025 un TFG ou un TFM en calquera universidade española, que tratase sobre os cereais e produtos derivados, así como da súa posta en valor. Tiveron cabida todos aqueles TFG e TFM que abarcaron dende a produción dos cereais ata a fase final de comercialización dos produtos obtidos.
Outorgarase tres galardóns cunha dotación económica de 1000 euros para o primeiro premio, 500 para o segundo e 250 para o terceiro, acompañados do correspondente diploma acreditativo. No caso de haber máis dunha persoa gañadora, o importe do premio repartiríase en partes iguais para cada unha delas. No caso de que o xurado considere que ningún dos traballos presentados acada un nivel axeitado podería declararse deserto o premio.
Na valoración das candidaturas, tomouse en consideración a orixinalidade do traballo (25%); as novidades das súas achegas ao coñecemento dos temas estudados, tendo en conta a bibliografía citada (25%); a actualidade e calidade da súa metodoloxía (25%); e as calidades formais dos textos: calidade da redacción, xeito de presentar e estruturar a información e calidade do aparato gráfico (25%).
Esta Cátedra institucional da USC aborda cuestións como a análise xenética na produción de semente, fariña e pan; a caracterización físico-química e nutricional das fariñas e dos pans; así como a organoléptica dos pans, mediante catadores adestrados; realiza estudos microscópicos das fariñas e do pan na trazabilidade co apoio de redes neuronais; avalía a biodiversidade na produción ecolóxica fronte á convencional de cereais autóctonos; profunda na avaliación económica e do contexto agroecolóxico do cultivo de cereais autóctonos para a produción de pan; e desenvolve estudos de consumidores.





Deja un comentario