Poñer en valor o talento do deseño galego emerxente en ámbitos como a arquitectura, o branding, a moda ou a tipografía. Esta é a intención da quinta edición da exposición #novodeseñogalego, a iniciativa promovida polo festival GALICIA DESIGN WEEK á fin de visualizar o labor das novas xeracións.
Neste 2026, GALICIA DESIGN WEEK, cuxa sexta edición terá lugar na Coruña do 14 ao 23 de maio, volverá poñer o foco no talento emerxente do país coa celebración da quinta edición da exposición #novodeseñogalego, unha mostra que entende o deseño no seu sentido máis amplo, na que conviven múltiples formas tanto de facer como de pensar o deseño, e que se poderá visitar no centro da cidade durante o festival. Ao longo destes anos, nomes como Aldea Atelier, Arancha Brandón, Brutto, Cotbar, David Méndez Alonso, Gramática Arquitectónica, Lixo, Lucía Otero, Melania Freire, NWHR, María Fandiño, Petreo Studio, Proxecto Bolina, Ro Ledesma ou Sara Regal, entre outros moitos, formaron parte da proposta.
Desde hoxe as deseñadoras e deseñadores galegos ou residentes en Galicia con menos de 5 anos de experiencia profesional poden participar na convocatoria de #novodeseñogalego. As persoas interesadas poderán enviar, até as 22.00 horas do 30 de marzo, dúas imaxes en baixa resolución de dous proxectos a gdw@galiciadesign.gal, cun texto explicativo de máximo 150 caracteres, e un enlace a website ou perfil en redes sociais para poder afondar no coñecemento da proposta.
GALICIA DESIGN WEEK
A GALICIA DESIGN WEEK, codirixida por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, é a gran cita do deseño galego e o único festival da península, canda a Barcelona Design Week, que forma parte da organización internacional World Design Weeks. A sexta edición do festival, creado no 2021 pola axencia galega FOLLOW e co-organizada desde 2024 pola asociación GALICIA DESIGN, conta co apoio do Ministerio de Cultura do Goberno de España e de entidades do ámbito privado como Cervezas Alhambra, Studio Follow, Grupo Malasa, Mobalco ou Checkpoint, entre outras.
Ao longo destes anos, GDW ofreceu a posibilidade de coñecer, desde a proximidade, o traballo de profesionais renombradas de ámbitos como a arquitectura, audiovisual, dixital, editorial, fotografía, gráfica, ilustración, moda, packaging, son ou tipografía, entre outros. Polos talleres e charlas da GALICIA DESIGN WEEK pasaron nomes como os tipógrafos Arillatype, o estudio de arquitectura Burr, a produtora audiovisual Canada, a ilustradora Coco Dávez, a axencia dixital Cuchillo, o estudio de deseño de produto CuldeSac, a axencia Folch, a tipógrafa Marta Cerdà, o director creativo Nacho Padilla ou a deseñadora portuguesa Silvia Matia ; mais tamén creativas galegas referentes no seu sector, como a ceramista Verónica Moar, a cesteira Idoia Cuesta, a directora de escena Marta Pazos, a cociñeira Lucía Freitas, a axencia editorial Desescribir, os deseñadores Cenlitros ou o estudio especialista en branding Costa.
Neste 2026, a GDW volverá presentar na Coruña os traballos máis salientables do deseño de profesionais acreditadas, tamén das novas xeracións, ofrecerá presentacións en primicia de novos produtos e impulsará o encontro entre a comunidade deseñadora e o público.






Deja un comentario