O programa solidario “Vacacións en Paz” permitirá un ano máis que nenos e nenas saharauís pasen os meses de xullo e agosto en Galicia acollidos por familias. Esta iniciativa está impulsada pola Asociación Galega de Axuda ao Pobo Saharauí (AGASPS) en colaboración co goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).
Os menores participantes naceron nos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf, no deserto do Sáhara, na zona coñecida como a Hamada alxeriana, onde miles de persoas viven desde hai preto de 50 anos tras abandonar os seus fogares debido á invasión e ocupación do antigo Sáhara español por parte de Marrocos en 1975. Alí, a poboación saharauí sobrevive en condicións moi difíciles, dependendo en gran medida da axuda internacional.
O programa ten varios obxectivos principais. Por unha banda, evitar que os menores permanezan nos campamentos durante os meses máis calorosos, cando as temperaturas poden superar os 50 graos á sombra. Ademais, durante a súa estancia en Galicia teñen acceso a revisións médicas, a unha alimentación máis variada e saudable e á posibilidade de practicar e mellorar o castelán e o galego, linguas que estudan nos seus programas escolares.
Outro dos propósitos da iniciativa é promover valores de solidariedade e tolerancia entre a cidadanía galega, ao tempo que se dá a coñecer a realidade do Sáhara Occidental e se reivindica o dereito do pobo saharauí —especialmente dos seus nenos e nenas— a vivir na súa propia terra.
Galicia participa neste proxecto solidario desde 1991, e Santiago de Compostela e a súa comarca forman parte del desde o inicio, acollendo menores saharauís durante máis de 25 anos, cunha única interrupción motivada pola pandemia da Covid-19.
Aínda que o programa conta coa colaboración económica de concellos e da Xunta de Galicia, a participación da cidadanía segue a ser fundamental para cubrir os gastos de xestión e as viaxes dos menores. Por este motivo, AGASPS organiza ao longo do ano diversas actividades solidarias para recadar fondos.
Nas próximas semanas celebraranse charlas informativas dirixidas ás ANPAS de Santiago, co obxectivo de explicar o funcionamento do programa e dar a coñecer unha experiencia de acollida que, segundo destacan desde a organización, «resulta moi enriquecedora tanto para os menores como para as familias participantes«.






Deja un comentario