Fillas de Cassandra alzáronse esta fin de semana co Premio Mestre Mateo ao mellor videoclip pola artesanía visual de ‘Hibernarse. O videofilme’, unha peza que tece plano a plano esencia do proxecto. O galardón outorgado pola Academia Galega do Audiovisual súmase ao xa recibido o pasado mes de novembro nos I Premios da Industria Musical de Galicia, que recoñeceron tamén a identidade visual de ‘Hibernarse’.
‘Hibernarse. O videofilme’, é unha peza que transcende o formato musical para converterse nunha obra artística total. Nesta creación, as propias Sara Faro e María SOA asumen a dirección canda Santi Iglesias e Sergio ‘Steel’, dándolle forma a un relato que visualiza e expande o universo ‘Hibernarse’, conformado polas cancións do EP, pero que conta tamén cun fanzine, unha colección de xoias e outra de bolsos.
A viaxe audiovisual proposta por Fillas de Cassandra bota a andar entre fíos e agullas nun taller de costura, un espazo simbólico onde se cose a identidade e a esencia deste proxecto —un concepto que tamén abraza a portada do vinilo—. É nese escenario -e nos sucesivos que comparten tamén con Caamaño&Ameixeiras ou os actores Pedro Galocha e Brais Ferpo- onde Fillas de Cassandra reivindican o valor do feito a man e o talento compartido.
Para este proxecto, Fillas de Cassandra contou cun equipo que coidou cada textura: desde a directora de arte e vestiario Lara Caeiro -coas prendas das deseñadoras Lidia Agra, Elísabet Millán, Tomás Álvarez (666Leira) e coconutscankill- até a creeadora de xoias de vidro Silvia Calvo, xunto ao traballo fundamental de Noemí Solla na perruquerría e Sandra Montero na maquillaxe. A peza tivo tamén o acompañamento na produción e comunicación de Tremendo Audiovisual.
Este videofilme, que se pode desfrutar na canle oficial de YouTube do grupo, non é só o acompañamento visual dun disco; é unha invitación a entrar de cheo nun imaxinario onde a música, os coidados, a identidade cultural e o traballo artensán fúndense nunha mesma mensaxe de resistencia.






Deja un comentario