A edición de 2026 de Sinsal SON Estrella Galicia será moito máis que un festival: será unha travesía. O icónico evento cultural, famoso polo seu cartel secreto, ampliará a súa actividade e, por vez primeira na súa historia, celebrarase ao longo de dúas fins de semana consecutivas, conectando o corazón da Ría de Vigo con outros territorios e espazos singulares da contorna.
O Sinsal, a cita na que o público só descobre a programación de bandas e artistas ao desembarcar en San Simón, regresará á illa do 24 ao 26 de xullo. Este enclave, no que se desenvolve desde 2010, é un piar fundamental da súa identidade. Ao longo destas 15 edicións, máis de 30.000 persoas chegadas de todo o mundo puideron achegarse, a través do evento, á memoria do arquipélago. A esencia do Sinsal radica en que, alén de ser unha xanela á creación contemporánea e da memoria sonora, funciona como un espazo de divulgación e posta en valor do patrimonio histórico, cultural e natural dunha illa que foi fonte de inspiración de trobadores, lazareto e campo de concentración.

Neste 2026, Sinsal SON Estrella Galicia expandirá a súa acción pola ría de Vigo e outros territorios ata superar as fronteiras xeográficas. A travesía levará o festival a transitar polo Camiño Portugués, reforzando o vínculo co país veciño que o evento cultiva desde os seus inicios -tanto pola incorporación de bandas como pola notable porcentaxe de público portugués que asiste a cada edición-.
Deste xeito, Sinsal contará con directos e propostas culturais tanto na cidade viguesa como noutras localidades da contorna. Aínda que algunhas actividades terán lugar na mañá do venres 24, o groso desta programación decorrerá do 31 de xullo ao 2 de agosto.
Recoñecido neste mesmo ano como unha das mellores iniciativas culturais a nivel estatal pola Fundación Contemporánea -sendo o único evento galego situado no top 10 dos mellores festivais de música-, o Sinsal volverá ofrecer unha coidada e exquisita programación. A diversidade estilística, o protagonismo de proxectos liderados por mulleres e a estrea de numerosas bandas e solistas -tanto en Galicia coma en España- serán, un ano máis, o compás que guíe a travesía.

Sinsal SON Estrella Galicia
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia é unha iniciativa cultural que naceu da man da promotora viguesa Sinsalaudio para visibilizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena musical galega, estatal e internacional. En cada edición é habitual poder coñecer propostas de estilos moi diversos e de agrupacións de países de África, América, Asia, Europa ou Oceanía.
A programación musical acompáñase de actividades paralelas divulgativas co obxectivo de dar a coñecer a historia, a memoria e o patrimonio cultural e natural de San Simón, ademais de promover a concienciación ambiental, sostibilidade e recuperación de arquivos sonoros a través da Escola Sinsal. O interese que esperta este icónico festival de cartel secreto é tal que, en cada edición, os abonos e as entradas de día se esgotan en cuestión de horas.
Neste 2026, o festival contará de novo co apoio de SON Estrella Galicia, o proxecto musical cervexeiro de Estrella Galicia, cervexa icónica de Hijos de Rivera, co que a compañía fomenta a cultura musical como vehículo de identidade, diferenza e comunidade. Ao longo de máis de dezasete anos, esta proposta evolucionou ata converterse nun referente indiscutible, estendendo a súa actividade por todo o país e consolidando a súa presenza en escenarios internacionais como Reino Unido, Estados Unidos, Portugal ou Alemaña.






Deja un comentario