A XXXV Mostra do Encaixe celebrase en Camariñas ata este domingo 5 de marzo. A Mostra é un evento de referencia para a artesanía e para os oficios vinculados á moda, reflexo de que o encaixe é un oficio con fonda tradición e con grandes posibilidades de actualización e de reinterpretación no futuro. Os desfiles de Deseñadores Noveis gañan cada ano en relevancia, e PequEncaixe, onde nenas e nenos das Escolas Municipais de Palillo amosan as súas creacións, son a garantía da remuda xeracional no oficio.

A Mostra é un espazo de confluencia e xermolo de sinerxías entre diferentes disciplinas entre as que destaca a moda e outros oficios artesanais que incorporan o encaixe nunha colección de pezas e que desfilan na sección ArtEncaixe. Na edición deste ano participan obradoiros da marca Artesanía de Galicia como Logaro (Ourense), especializada en calceta e gancho; Zeltia ao Aire (A Coruña), en bordado ao aire; Estilo Aramar (Pontevedra), de tocados e sombreiros; Mariví Santos (Porto do Son), de encaixe; Ana Trasariz (Vimianzo), en complementos de moda; e os obradoiros de olería de Buño (Malpica de Bergantiños) Alfarería Rulo e Feituras Buño.
Unha das novidades este ano é que dous obradoiros artesanais participan no desfile de Grandes Deseñadores: a marca de roupa Andión Clothing (Boqueixón) e o obradoiro de encaixe Ondas do Mar (A Estrada), que ten participado noutras edicións na sección ArtEncaixe.

A Mostra é un punto de encontro para o sector artesán galego e para a moda galega, un escaparate da marca Artesanía de Galicia e un motor de dinamización económica e turística desta zona.
No evento tamén se poden ver demostracións en vivo, obradoiros de encaixe, actuacións musicais de grupos como Luar na Lubre ou Antía Muíño, monólogos, o espazo Gourmet entre encaixes e postos de exposición e venda entre os que se atopan as delegacións procedentes da Arxentina, Bulgaria, Eslovaquia, Italia, Polonia, Portugal e Arenys de Mar.

O obxectivo principal do concurso é fomentar e promover a aplicación do encaixe de Camariñas na moda. A principal novidade de esta edición é que se otorgarán premios ás catro mellores coleccións, segundo a valoración do xurado oficial. O primeiro premio estará dotado con 2.100 euros, o segundo con 1.200 euros, o terceiro con 700 euros e o cuarto con 500 euros. O domingo 5 de abril anunciarase o veredicto do xurado.






Deja un comentario