Un saber, o agardado novo traballo discográfico de Alana, verá a luz este venres, 10 de abril, en todas as plataformas dixitais. Un dos proxectos máis singulares da nova escena musical galega presenta, así, o seu segundo LP, no que explora os ritmos da nosa tradición oral, sen perder a súa xa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución e madurez, ritmicamente diverso, para bailar, cantar, gozar e… emocionar.
Un saber (título que fai referencia ao saber popular das señoras) conta coas colaboracións de Pan.Sen.Fron, Guillerme Fernández, Casapalma, Galician Army, Charanga Benofán, Andrés Boutureira e Bieito Pereira, mentres que a posta en escena corre a cargo das escenógrafas e iluminadoras As dúas e punto.
A Sala Capitol de Compostela acollerá o concerto de presentación deste novo disco de Alana o sábado, 18 de abril, ás 21.30h, coas últimas entradas aínda dispoñibles aquí.
Alana son Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro. O seu é un proxecto novo, diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile; unha proposta que parte das recollidas e mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop, nunha coidada e xa característica produción musical. Con este novo traballo discográfico, Alana reflicte o seu cambio vital e amosa, tamén, unha continuidade, desde aquel O xeito á Cántigha, a súa primeira e festexada ópera prima.
Agora, a banda regresa con máis forza se cabe, e coas mesmas gañas de seguir facendo o que máis lles apaixona: “Desde o noso primeiro disco, houbo moitos cambios en nós, tanto a nivel profesional como a nivel persoal, e pensamos que o disco reflexa este cambio. Pero é, tamén, unha continuación: queremos que sexa un disco que transmita o ben que o pasamos facendo música; un disco para bailar, cantar, gozar e, se cabe, emocionar”.
O proxecto contou para o seu desenvolvemento co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).






Deja un comentario