Galicia e a Rexión Norte de Portugal impulsan a posta en marcha da primeira rede transfronteiriza de atención integral oncolóxica. A Consellería de Sanidade e o principal centro oncolóxico portugués, o IPO Porto, desenvolverán ao longo de tres anos o ao Proxecto Equio, cun investimento de 1,96 M € cofinanciado con fondos europeos.
A través do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde
(ACIS), Galicia asume o liderado deste proxecto innovador, aliñado co Plan europeo de loita contra o cancro e enmarcado no Programa de cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
O obxectivo central é garantir o acceso equitativo a unha atención oncolóxica de calidade mediante a promoción da integración de servizos sanitarios, diagnósticos e tratamentos innovadores para dous tipos de cancro, o de pulmón e o colorrectal, no territorio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Equio achega un valor significativo en termos europeos ao abordar directamente os obxectivos estratéxicos do Plan europeo de loita contra o cancro, especialmente en canto á equidade, a calidade da atención e a medicina personalizada.
Trátase dun modelo pioneiro para a cooperación transfronteiriza en saúde, ofrecendo solucións concretas ás barreiras administrativas, clínicas e regulamentarias que a miúdo limitan o acceso equitativo a terapias innovadoras contra o cancro.
O proxecto Equio prevé catro liñas de traballo, unha delas orientada ao desenvolvemento de protocolos e vías clínicas comúns para o cancro de pulmón e colorrectal nos centros que participan no proxecto, coa finalidade de optimizar a atención oncolóxica en Galicia e norte de Portugal mediante a estandarización e mellora de protocolos asistenciais en ambos os tipos de cancro.
Con ese obxectivo, constituirase un grupo de expertos para cada tipo de tumor, de pulmón e colorrectal, con profesionais de ambos os países. Estes grupos definirán os estándares para todo o proceso asistencial —diagnóstico, tratamento e seguimento— e establecerán indicadores de calidade e resultados en saúde que permitan monitorizar, avaliar e comparar cara á mellora continúa na atención oncolóxica.
A segunda liña de traballo de Equio sentará as bases para a creación dun comité
molecular de tumores transfronteirizo
, centrado nun diagnóstico molecular para casos de tumores avanzados, así como a consolidación de procedementos que permitan a participación de pacientes de ambos os países en ensaios clínicos con terapias innovadoras. Nesa liña, deseñarase e poñerase en marcha un proxecto piloto común para realizar unha análise molecular avanzada destinado aos pacientes con cancro avanzado metastático sen alternativa terapéutica nos protocolos habituais, estimando chegar a unhas 500 persoas en tres anos.
Xunto ao anterior, Equio mellorará a formación continua en oncoloxía dos profesionais sanitarios da Eurorrexión, impulsando a transferencia de coñecemento, o manexo de tecnoloxías emerxentes e a educación da cidadanía afectada polo cancro. Procúrase construír unha comunidade profesional sólida, con visión transfronteiriza e preparada para implementar novos modelos de atención centrados no paciente. Para iso, crearase un campus de formación en oncoloxía para a rexión transfronteiriza, que ofrecerá capacitación continua ao persoal sanitario sobre os últimos avances en diagnóstico, tratamentos e uso das vías clínicas. Incluirá formación en plataformas dixitais con cursos en liña e presenciais, intercambios entre hospitais e módulos especializados en novas tecnoloxías.
Por outra banda, enfocado no paciente e as súas familias, desenvolveranse programas centrados en tratamentos personalizados e coidados paliativos. Crearase material accesible e ofreceranse sesións formativas que fomenten a participación do paciente e melloren as capacidades dos coidadores. Tamén se facilitará o acceso a información sobre servizos e dereitos para garantir que a cidadanía coñeza as opcións terapéuticas e diagnósticas que ofrece esta rede transfronteiriza.
Finalmente, Equio buscará iniciar a planificación estratéxica dunha rede transfronteiriza integral de centros de atención ao cancro equitativa, coordinada e accesible para pacientes con patoloxías complexas. Elaborárase un inventario de recursos para identificar necesidades e definirase un modelo de gobernanza común no marco da rede europea de centros de referencia en oncoloxía (CCCNetwork).

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo