O CITMAga – Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia-, impulsado polas tres universidades galegas, e con sede no Campus Vida da Universidade de Santiago, integra todas as capacidades científicas desta disciplina na nosa comunidade. Cun impacto cada vez maior nos ámbitos académico, social e económico, e cunha clara aposta pola transferencia de coñecemento á industria, converteuse nun referente nacional e internacional.

O 22 de maio reunirá a a investigadores matemáticos e a representantes de empresas nacionais e internacionais, que amosarán como as matemáticas están a resolver problemas actuais que afectan á industria. Trátase do “XV Foro de Interacción Matemática Industria (Industry Day)”, que terá lugar na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago. É unha iniciativa promovida en colaboración coa Red Española Matemática- Industria (math-in) e conta co apoio da Agencia Estatal de Investigación -Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-.

Este encontro amosará casos reais de transferencia de tecnoloxía e coñecementos entre as matemáticas e diferentes sectores industriais, deixando patente que as matemáticas contribúen a que as empresas innoven os seus procesos, logren importantes melloras nos seus produtos e servizos e, ademais, consigan reducir os seus custos de produción. Así, contarase coa participación de representantes de compañías de sectores tan diversos como o tecnolóxico (Fujitsu e Plexus), os electrodomésticos (Bosch), a metalurxia (Ferroglobe), a enxeñaría (Instra), aeroespacial (Kreios Space), desenvolvemento de software científico (Mestrelab), transformación dixital (NTT Data) e drons (Vig-Sec Drone).

Todos eles explicarán como as matemáticas foron capaces de dar resposta a problemas concretos e servíronlles como “motor de innovación empresarial”.

Durante o foro daranse a coñecer as “enormes e múltiples” capacidades das matemáticas e a súa aplicabilidade nunha gran parte dos retos e necesidades do tecido industrial, achegando a pequenas, medianas e grandes empresas unha tecnoloxía cun gran potencial e que non precisa de grandes investimentos para o seu uso. Con esta iniciativa búscase ademais afianzar a importancia das matemáticas e dos perfís matemáticos na industria. E, de modo xeral, trátase de pór de relevo o poder desta disciplina á hora de ofrecer solucións aos problemas do mundo real.

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo