Este mes de maio, a cultura dixital contemporánea tomará a cidade da Coruña co nacemento de (IN)VISUAL, un novo ciclo de música audiovisual impulsado pola Deputación da Coruña, que terá lugar en Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató de produción virtual de España, situado na Cidade das TIC.
Así o presentou a mañá deste mércores, 29 de abril, a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, nunha rolda de prensa na Deputación da Coruña, na que estivo acompañada polo curador musical do ciclo, Xulio Vázquez, de HITO Cultura & Tecnoloxía.
A deputada apuntou: “A Deputación da Coruña fai unha aposta decidida por (IN)VISUAL, un proxecto que sitúa á nosa provincia na vangarda da creación contemporánea. O CEI é un recurso público ao servizo da innovación e a cultura: son 2.000 metros cadrados dotados da tecnoloxía máis avanzada, que hoxe se erixe como o corazón dun ecosistema creativo sen precedentes en todo o estado español. Este plató está preparado para ser o motor dunha industria audiovisual cada vez máis potente pero, tamén, para ser un laboratorio de experimentación no que arte e tecnoloxía van da man. Con (IN)VISUAL estamos ante unha invitación para poder coñecer este espazo dun xeito diferente”. E rematou: “convidamos a toda a cidadanía a que se achegue ao ciclo estes primeiros catro sábados do mes de maio”.

Pola súa banda, Xulio Vázquez destacou que “a potencia do proxecto reside, tamén, en vincular un espazo industrial descoñecido, a antiga fábrica de armas da Coruña, e o seu paradigma industrial, co paradigma de futuro e tecnolóxico que representan a Cidade das TIC e o CEI”. O curador de (IN)VISUAL puxo tamén en valor a calidade das propostas artísticas do ciclo, “cun programa ambicioso e excepcional, con figuras de referencia da escena internacional e galega, que exploran as capacidades expresivas da tecnoloxía, a IA, o arte inmersivo e xenerativo e a música audiovisual creada en vivo”.
As experiencias de (IN)VISUAL levaranse a cabo os sábados 2, 9, 16 e 23 de maio, cun total de catro concertos LIVE AV e un cartel que contará coa presencia dos e das artistas de referencia da cultura audiovisual contemporánea galega, española e internacional MAOTIK, Marta Verde & José Venditti, Estela Oliva & Ana Quiroga e MIL111.
O concerto de MAOTIK deste sábado, 2 de maio, esgotou xa todas as súas entradas, mentres que os últimos tíckets dispoñibles para o resto de actuacións –gratuítos, cun depósito de 5 euros para a súa reserva, que serán reembolsados de xeito automático no momento do acceso– están dispoñibles en a través da plataforma Ataquilla.com: https://entradas.ataquilla.com/es/minisites/dfb9d01c-28in29visual
Este novidoso evento de arte e tecnoloxía en Galicia está impulsado pola Deputación da Coruña, coa curadoría de HITO, no marco do CEI Lab. CEI Lab é unha iniciativa promovida polo Departamento de Desenvolvemento e Transición Ecolóxica da Deputación da Coruña, orientada ao impulso de proxectos emprendedores de base dixital e tecnolóxica. O seu obxectivo é contribuír á vertebración territorial da provincia mediante a innovación e o desenvolvemento sostible.
A CORUÑA, PUNTA DE LANZA DA CULTURA TECNOLÓXICA CONTEMPORÁNEA
Máis que un evento musical ou un ciclo de concertos, (IN)VISUAL é un dispositivo cultural que conecta territorio, tecnoloxía e creación, convidando a imaxinar como poden ser os espazos culturais da Coruña do mañá.
Así, (IN)VISUAL é concibida como unha experiencia cultural singular, unha cita contemporánea que funciona como relato da cidade do futuro. A proposta sitúase nun punto de tensión estética entre dous mundos: o dunha infraestrutura industrial ligada ao pasado produtivo –a antiga Fábrica de Armas da Coruña, onde hoxe sitúase o CEI– e o das prácticas dixitais que están a redefinir o presente e o futuro da cultura.
O evento impulsado pola Deputación da Coruña acontece nun espazo industrial que conserva a memoria material da Coruña como cidade de traballo e transformación. Sobre ese escenario emerxen linguaxes artísticas profundamente contemporáneas como o LIVE AV, prácticas audiovisuais que combinan son, imaxe e tecnoloxía en tempo real. Esta superposición constrúe unha narrativa baseada na oposición e na continuidade entre industrial e dixital, pasado e futuro, tradición e innovación.
(IN)VISUAL busca converter o CEI da Deputación da Coruña nun espazo cultural de vangarda, atento ás novas prácticas artísticas xurdidas das dixitalidades contemporáneas e como panca de progreso, tamén no terreo do simbólico.
Neste diálogo entre tempos e linguaxes, (IN)VISUAL propón unha nova imaxe da cidade da Coruña: unha cidade conectada coa cultura tecnolóxica contemporánea, aberta ás novas formas de creación e capaz de activar espazos industriais como motores simbólicos de futuro. Así, o evento impulsado pola Deputación da Coruña non só presenta contidos artísticos, senón que reforza a idea de que iniciativas como esta forman parte dun relevo estético, social e tecnolóxico que redefine o ecosistema cultural da cidade.
A través dunha narrativa baseada en conceptos como futuro, dixitalidade, cultura contemporánea, experimentación e experiencia, (IN)VISUAL diríxese tanto ao público xeral curioso pola innovación como, especialmente, a unha audiencia vinculada á cultura contemporánea e ás prácticas artísticas experimentais.






Deja un comentario