A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu chega este sábado, 9 de maio, a un dos momentos máis importantes da súa historia: a celebración do seu 25º aniversario. O evento, que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo, espertou unha expectación tal que as localidades están totalmente esgotadas, confirmando a vixencia e o agarimo que o público sente por este proxecto único no panorama europeo.

O que se vivirá este sábado 9 será a gran noite da música galega de raíz, xa que haberá un auténtico despregamento de talento e identidade. Sobre o escenario do Mar de Vigo daranse cita os 62 membros que compoñen a orquestra, aos que se unirán figuras imprescindibles da cultura do país e que, sen dúbida, representan o mellor da música galega contemporánea: Abraham Cupeiro, Tanxugueiras, Xabier Díaz e Rodrigo Romaní. Deste xeito, case 70 personas compartirán as táboas para celebrar que a música tradicional se atopa nun proceso vivo e en constante evolucion. 

Dada a previsión de afluencia masiva ao Auditorio Mar de Vigo ante o cheo absoluto do recinto, recoméndase acudir con antelación. As portas do auditorio abrirán ás 19:30 horas, unha hora antes de que comece o espectáculo, fixado para as 20:30 horas.

SonDeSeu naceu no ano 2001 no seo da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo (ETRAD). O que comezou como un proxecto pioneiro e rupturista -crear unha orquestra de gran formato baseada exclusivamente en instrumentos tradicionais galegos, na que convivisen intérpretes, compositores e arranxistas de distintas xeracións- converteuse hoxe nun referente internacional. 

Ao longo destes 25 anos, o proxecto non só consolidou un repertorio propio de alta complexidade orquestral, senón que serviu como motor de profesionalización do sector e como espazo de transmisión do patrimonio inmaterial. Nese cuarto de século, SonDeSeu percorreu Europa e participou nos festivais máis prestixiosos de músicas do mundo, contribuíndo á dignificación e proxección da identidade cultural galega e facendo que esta ocupase escenarios relevantes. 

O aniversario, ademais, reivindica o papel de Vigo como cidade motor da creación e difusión da música tradicional. A relacion entre SonDeSeu e a ETRAD, a escola municipal da cal procede e na que reside, é un gran exemplo do valor que ten a colaboración sostida entre institucións públicas e proxectos culturais de longo percorrido.

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo