O CITMAga – Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia-, impulsado polas tres universidades galegas, e con sede no Campus Vida da Universidade de Santiago, está especialmente centrado na transferencia de coñecemento á industria.
Nesta liña, o vindeiro 22 de maio reunirá a investigadores matemáticos e a representantes de empresas nacionais e internacionais, que amosarán como as matemáticas están a resolver problemas actuais que afectan á industria. Será o “XV Foro de Interacción Matemática Industria (Industry Day)”, que terá lugar na facultade de Matemáticas da USC. Realizarase en colaboración coa Red Española Matemática-Industria (math-in) e co apoio da Agencia Estatal de Investigación -Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-.
Entre as empresas participantes neste encontro atópase Kreios Space, con sede en Nigrán, especializada no desenvolvemento de tecnoloxías para habilitar a operación sostida de satélites en órbitas terrestres moi baixas (VLEO). Estes satélites están deseñados para operar de forma sostida arredor da Terra durante máis de cinco anos, permitindo prestacións sen precedentes en relación á observación do noso planeta e tamén no campo das telecomunicacións. A súa principal innovación reside en que poden funcionar a altitudes de entre 150 e 300 quilómetros, unha contorna ata agora practicamente inaccesible debido ao forte arrastre atmosférico, que provoca a perda progresiva de altitude dos satélites.
Outro fito clave da compañía é o desenvolvemento dun sistema de propulsión sostible e único no mundo. “Para xerar o empuxe, en lugar de empregar combustible convencional utilizamos as partículas da propia atmosfera”, explica o director de proxectos, Yago Recarey.
Esta tecnoloxía, coñecida como propulsión eléctrica de respiración atmosférica (ABEP), permite eliminar a necesidade de levar combustible a bordo, incrementando de forma significativa a eficiencia e facendo posible compensar de maneira continua o arrastre atmosférico, o principal reto destas órbitas. Segundo sinala a empresa, na
actualidade non existe ningunha solución equivalente no mercado, e prevén demostrar esta tecnoloxía en órbita no último cuadrimestre de 2027.
A matemáticas, fundamentais neste proceso
En relación con este fito, Kreios Space está a desenvolver un proxecto en colaboración co CITMAga, centrado na optimización do deseño aerodinámico dos seus satélites. Tal como explica Yago Recarey, “as matemáticas son fundamentais no noso traballo, especialmente nas primeiras fases de deseño, onde empregamos funcións obxectivo para optimizar o rendemento dos sistemas”. Estas funcións permiten, por exemplo, maximizar a cantidade de partículas atmosféricas que o satélite é capaz de captar para utilizalas como combustible, e minimizar a resistencia xerada pola propia plataforma satelital.
O experto sinala que “un dos principais retos tecnolóxicos é atopar o equilibrio entre reducir o arrastre aerodinámico e maximizar a captación de partículas, un problema complexo e altamente non liñal”. Para resolvelo, a empresa combina algoritmos avanzados, intelixencia artificial e computación de altas prestacións, o que permite explorar miles de deseños posibles e identificar as configuracións máis eficientes.
“Ademais, unha vez en órbita, é clave que o satélite estea correctamente aliñado co fluxo de partículas atmosféricas. Por iso, o deseño da súa forma resulta determinante, xa que condiciona directamente a capacidade de captación e, en consecuencia, o rendemento do sistema de propulsión” -explica o director de proxectos da compañía-.






Deja un comentario